EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Reunión para informar das medidas de seguridade da XXXIX Feira do Viño de Quiroga

O concelleiro de Cultura quirogués mantiña unha xuntanza cos adegueiros para abordar esta cuestión

Imaxe da reunión do concelleiro de Cultura de Quiroga cos adegueiros./ Foto: Concello de Quiroga.

 

Os adegueiros inscritos para participar na Feira do Viño de Quiroga mantiveron onte unha xuntanza co comité organizador, onde se informou do desenvolvemento deste evento que este ano estará situado entre o Auditorio e o Albergue Municipal.

O concelleiro de Cultura e Turismo, José Luis Rivera, foi o encargado de informar aos propietarios das adegas das medidas de seguridade que se levarán a cabo no recinto feiral. Entre as medidas previstas está o control de aforo e o valado do recinto, con entrada e saída diferenciada. Tamén se restrinxirá o número de persoas que poden estar en cada caseta en cada momento (que se limitará posiblemente a dez) e por suposto será obrigatorio o uso de máscara. Policía Local, Garda Civil e Gardas de Seguridade encargaranse de que se cumpran as medidas de seguridade en todo momento.

Na xuntanza tamén se falou da colocación das casetas, que este ano estarán previstas de neveiras, posto que a feira celebrarase o 24 e 25 de xullo, unha época na que as temperaturas soen ser moi elevadas.

Outra das novidades coas que se contará nesta XXXIX feira será a utilización de cataviños, que se porán á venda na entrada do recinto feiral (na caseta de información) para que cada persoa dispoña da súa de forma individual e que poida utilizar en todas as casetas. Dentro do recinto colocaranse billas para poder lavar estas copas cada vez que se desexe.

Nesta atípica Feira do Viño participarán dez adegas industriais, todas elas con adega ou con viñas na zona de Quiroga. Aínda que estaba previsto que fose a primeira vez na que estiveran xuntos os viños artesanais cos industriais, dada a celebración da feira nesta época, non houbo ningún adegueiro tradicional que dispoña de viño para participar nesta festa.

Artigos relacionados

Back to top button