CulturaCulturaÚltima hora

A revista “Raigame” presenta un monográfico de Carlos Casares

O exemplar tivo unha tirada de 700 unidades e ten artigos, traballos de análise e investigación do autor ourensán
Xulio Fernández Senra, Manuel Baltar e Xabier Casares.

A Deputación pesentou hoxe, 4 de maio, o número 40 da revista de arte, cultura e tradición popular “Raigame”, que edita a institución provincial. Nesta ocasión, a publicación é un monográfico do escritor Carlos Casares, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas, “un embaixador exemplar da nosa intelectualidade, que merece un traballo literario e de investigación desta calidade cunha publicación que valoramos editar en formato libro”, afirmou o presidente da Deputación, Manuel Baltar, no acto de presentación no Centro Cultural “Marcos Valcárcel”, canda ao presidente da Fundación “Carlos Casares”, Xabier Casares, e polo director da revista, Xulio Fernández Senra.

A publicación recolle, en 166 páxinas, artigos, traballos de análise e investigación, que achegan o perfil de Casares desde o punto de vista do cine, a arte, a literatura, a historia e a etnografía, “que abordan a figura poliédrica, entrañable e polifacética de Carlos Casares, para estudar a súa obra e as súas achegas como intelectual”, explicou Xulio Fernández Senra. Asemade, Xabier Casares agradeceu o apoio da Deputación de Ourense “para levar a cabo este proxecto editorial”, e tamén “a colaboración desinteresada de cantos fixeron posible cos seus artigos este monográfico de Raigame, coordinado por Gustavo Adolfo Garrido”.

A revista ten unha tirada de 700 exemplares e participaron un total de 18 autores entre os que figuran os nomes de Alba Cid, Malores Villanueva, Carmen Mejía, María López Sández, Laura Piñeiro, Patricia Arias, Afonso Vázquez-Monxardín, Inma López Silva ou Luis González Tosar.

A publicación será distribuída entre bibliotecas, centros educativos, concellos museos e entidades de interese cultural.

 

Artigos relacionados

Back to top button