En portadaÚltima hora

Ribeira Sacra pecha agosto cun 90% de ocupación turística, a máis alta dos últimos 3 anos

Nos últimos 5 anos, este xeodestino, situado dacabalo entre as provincias de Lugo e Ourense, medrou a razón dunha media de 100 aloxamentos e 500 prazas anuais

Turistas visitando a Ribeira Sacra./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

O Consorcio de Turismo da Ribeia Sacra vén de facer balance da ocupación turística rexistrada durante o pasado mes de agosto. Así, os datos desagregados por tipoloxía de establecemento son os seguintes: Hoteis 4 e 3*: 92,5% (+10% respecto 2022), Turismo Rural: 91,3% (+7% respecto 2022), Vivendas Turísticas e de Uso Turístico: 88,7% (+1% respecto 2022) e outros aloxamentos: 86,6% (-10% respecto 2022).

“Cos datos recollidos ata o de agora, estamos ante a cifra de ocupación en agosto máis alta dos últimos 3 anos. Un fito máis que histórico para o destino, tendo en conta que nese período case duplicamos o número de aloxamentos (709 fronte a 361) e prazas (5.621 fronte a 8.644)”, indican dende o Consorcio.

Así mesmo, dende esta entidade aseguran que a “ocupación supera en 11 puntos as previsións de finais do pasado xullo e, como é habitual en tempada estival, non se observan apenas diferenzas entre os días laborais e as fins de semana. Nos últimos 5 anos, o xeodestino medrou a razón dunha media de 100 aloxamentos e 500 prazas anuais. A incorporación neste exercicio dos concellos da Pobra de Trives, Chandrexa de Queixa, Manzaneda, O Pereiro de Aguiar e San Xoán de Río supuxo a suma ao total de 61 establecementos, con 1.305 prazas. Pasamos de contar con 103 establecementos en 2010 aos máis de 700 actuais”.

A media de ocupación neste verán 2023 (xullo-agosto) sitúase na Ribeira Sacra en “preto do 82%, 9 puntos máis que no 2020 e 6 máis que no 2022. Os hoteis de 4 e 3 estrelas continúan a ser o tipo de aloxamento preferido, aínda que neste agosto as diferenzas con respecto aos demais non resulten tan significativas”.

De cara ao mes de setembro as previsións de ocupación que hai arestora son as seguintes. Para os Hoteis 4 e 3*: 78%, no Turismo Rural: 63%, en Vivendas Turísticas e de Uso Turístico: 45% e noutros aloxamentos: 75%.

O sector móstrase moi optimista de cara a este mes que comeza. Ata o momento, son as previsións máis altas dende que temos rexistros.

Artigos relacionados

Back to top button