DeportesGalerías de fotosÚltima hora

Río desfruta coa súa primeira BTT organizada pola AC RíoMola

Nesta proba deportiva, celebrada o 26 de agosto, colaboraban o Club de Montaña Trives e do Concello de San Xoán de Río

O sábado 26 de Agosto do 2017 quedará marcado no almanaque de San Xoán de Río coma o día que se fixo a primeira BTT na localidade organizada pola Asociación Cultural RíoMola coa colaboración do Club de Montaña Trives e do Concello de San Xoán de Río.

O día anterior a organización sinalizou completamente os 40 quilómetros que percorrería a BTT e que permitirían o día seguinte aos ciclistas descubrir o noso concello pedalada a pedalada.

A organización centrouse no nível organizativo e cualitativo mais que no cuantitativo. Todos os esforzos da organización centráronse en obter a máxima satisfacción dos ciclistas que acudiron a proba e en correxir erros para facer a vindeira edición unha BTT con gran asistencia sen baixar o nível organizativo. Así que as prioridades foron un bo sinalizado da ruta, uns avituallamentos variados e abundantes, a asistencia mecánica e de calquera problema que tivesen os ciclistas con 3 vehículos seguindo a proba, duchas e lavado de bicicletas e un xantar de calidade. Todas estas premisas cumpríronse con nota e posibilitan tamén apostar por un éxito cuantitativo na seguinte edición.

O sábado ducias de espectadores achegáronse á saída da proba para animar aos 15 ciclistas que finalmente déronse cita nesta primeira BTT RíoMola. Número escaso pero heteroxéneo coa procedencia de varios ciclistas do clube Bicivoadores de Nigrán, do Facho de Moaña, do Val de Quiroga, de Cova, do propio concello de Río, aínda que o grupo mais numeroso veu de Trives.

Ás 10:00h. partiu a ruta dende o Bar Cruceiro cunha saída neutralizada polas rúas de Río ata o comezo da proba co pistoletazo de saída por parte da xunta directiva da AC RíoMola. Os corredores afrontaron un rápido descenso ata a chegada a Domecelle onde comezaba a primeira subida do día ata a Abelleira. Trala chegada ao alto unha baixada ata Vimieiro pasando por Argas Vellas e San Silvestre no que os ciclistas desfrutaron das vistas a Serra do Burgo e das primeiras trialeras da xornada. A continuación un terreo para rodadores levaba aos participantes ata Vilardá onde estaba situado o primeiro posto de avituallamento, onde os ciclistas colleron forzas mentres comentaban os quilómetros percorridos.

Coas pilas cargadas, tocaba ascender ao Alto do Cerengo que supera os 1.200 metros de altitude e donde todo o mundo desfrutou coas espectaculares vistas do Courel e do val de Quiroga para a continuación afrontar unha longa baixada ata a parroquia das Cabanas onde estaba situado o segundo posto de avituallamento e onde cada corredor ou grupo de corredores chegaba con diferencias de tempo desfacendo a serpe multicor que formaban nos primeiros quilómetros da proba. A continuación, un rápido paso por San Xurxo e San Miguel para adentrarse na zona mais bonita da BTT, percorrendo parte da ruta da Fraga e desfrutando das últimas pedaladas antes de chegar ao punto de partida, o bar Cruceiro, onde coller forzas antes de ir a zona de duchas e lavado de bicis.

Trala chegada de todos os participantes comezou un xantar a base de empanada, lacón asado, mexilóns, orella, bica, tarta xelada, bebida, café, licores e unha larga sobremesa que fixo que a xente non se levantase da mesa ata as 18:00 dando por finalizada esta primeira de moitas ruta BTT RíoMola.

Texto e fotos: Xosé Miguel Pérez Blecua.

Artigos relacionados

Back to top button