ConcellosSan Xoán de RíoÚltima hora

Río ofrece as instalacións do albergue municipal para acoller refuxiados ucraínos

O Concello xa envíou unha solicitude oficial con este ofrecemento á Embaixada de Ucraína en Madrid

Casa do Concello de Río.

 

O Concello de San Xoán de Río vén de ofrecer, de forma temporal, á Embaixada de Ucraína en Madrid a superficie total do seu albergue municipal para acoller a nenos ucraínos e coidadores. Así o vén de anunciar o seu alcalde, Xosé Miguel Pérez.

“A pasada fin de semana, ante a inxustificable invasión rusa de Ucraína, e tralas xestións realizadas polo Concello de San Xoán de Río, a Embaixada de Ucraína en España viu de porse en contacto con nós para ver a viabilidade da cesión temporal das 7 hectareas do albergue municipal e de todos os seus edificios para crear un espazo adecuado para que medio cento de nenos e nenas ucraínos, mentres non mellora a situación no seu país, poidan seguir a súa vida da forma máis similar a que levaban ata agora e ter un lugar no que se fale na súa lingua, seguir estudando e mantendo as súas costumes e sexa o menos traumática posible para eles esta situación”, indica o rexedor de Río.

Ademais, Xosé Miguel Pérez explica que neste luns, tal e como se lles indicou dende a embaixada, “enviámoslle de forma oficial o ofrecemento. Esperemos que Ucraína volva á normalidade o antes posible e non sexa necesario facer esto, pero mentres tanto este é o noso pequeno gran de area que podemos aportar dende San Xoán de Río ó pobo ucraniano”.

Na carta remitida a embaixada, o alcalde cualifica de “inaceptable a invasión” do exército rusa e sinala que este ofrecemento “é o noso humilde gran de area”, enviándolle tamén “moito ánimo nestes duros momentos para o pobo ucraíno”.

Artigos relacionados

Back to top button