A primeira volta da liga en terceira división estivo chea de altibaixos para o CD Barco aínda que lograba coller as vacacións de Nadal ben situado na cabeza do grupo, regresando á competición pola porta grande.
Cunha gran vitoria en casa ante o CD Estradense veñen de comezar a segunda volta da competición os rapaces de Manolo Pérez, na tarde deste domingo 10 de xaneiro. Aínda que soleada a xornada estaba fría en Calabagueiros, unha temperatura que tamén se notaba no terreo de xogo, custándolle a ámbolos dous equipos entrar no xogo. Con todo a superioridade do conxunto local pudo máis e despois de varios intentos, Rodri Alonso rompía o xeo co primeiro gol do partido no minuto 38. Rozando xa o final da primeira parte, Carlos Villar marcaba o segundo gol para o Barco chegando ao descanso co 2-0 no marcador.
Os quince minutos de parón serviron ao presidente do CD Barco Nilo Ramos (en nome de toda a directiva) para rendir unha pequena homenaxe a Ricardo Prada (ex xogador e ex adestrador do Barco e actual adestrador do equipo xuvenil) no día do seu aniversario, entregándolle unha camiseta do club.
E tralo paso polo vestiario, os protagonistas da tarde volvían facer brincar á afección vermella. Carlos Villar marcaba no minuto 60 o seu segundo gol da tarde e pouco despois, no 79′, imitáballe Rodri Alonso que poñía o 4-0 no marcador. O Estradense acurtaba distancias co gol de Pintas no minuto 89 pero o partido remataba e o colexiado pitaba co 4-1 final. Tres puntos de ouro para O Barco que se mantén no cuarto posto da clasificación con 18 puntos.
Neste primeiro partido do ano 2021, botouse en falta no campo xogadores habitualmente titulares como Juanito Bazo, David Álvarez e Rubén García (este último lesionado no amigable contra a Ponferradina B), que si foron convocados pero permaneceron no banquiño. Juanito entraba no lugar de Vera avanzada a segunda parte (no minuto 77).
Fotos: Carlos G. Hervella