ConcellosTrivesÚltima hora

Rubén Pérez toma posesión como concelleiro do PSdeG-PSOE de Trives e culmina a renovación do goberno local

Alba Vázquez, a seguinte na lista trala renuncia de Miguel Sierra, acordou co resto de grupo socialista e por motivo persoais non recoller a acta

A alcaldesa de Trives, Patricia Domínguez, xunto á Rubén Pérez (esquerda da imaxe) e Javier Rodríguez (dereita)./ Cedida.

 

Rubén Pérez Rodríguez vén de tomar hoxe posesión nun pleno extraordinario como novo concelleiro socialista na Pobra de Trives, incorporándose ao grupo de goberno en substitución de Miguel Sierra, quen formalizara a súa dimisión no pleno de pasado mes de xuño.

A súa incorporación prodúcese despois de que, tal e como xa estaba previsto, se acordase de forma consensuada que Alba Vázquez, a seguinte na lista, non recollese a súa acta de concelleira por motivos estritamente persoais.

“Foi unha decisión moi meditada, tomada desde a responsabilidade e tras unha profunda reflexión. Non foi unha decisión doada, nin para Alba Vázquez nin para o resto do equipo, pero en todo momento contou coa comprensión, o respecto e o apoio de todas as persoas implicadas”, explican desde o grupo de goberno.

En nome de todo o grupo socialista, a alcaldesa trivesa, Patricia Domínguez, quixo trasladar o seu “máis sincero agradecemento a Alba polo seu compromiso, a súa dedicación e o traballo desenvolvido durante este tempo, así como polo que continúa levando a cabo. Seguirá desempeñando as súas responsabilidades orgánicas dentro da executiva do partido e continuará colaborando activamente co proxecto socialista, mantendo intacto o seu compromiso coa Pobra de Trives e coa súa veciñanza”.

Ao mesmo tempo, a alcaldesa daba a benvida a Rubén Pérez Rodríguez nesta nova etapa, “convencidos de que asumirá esta responsabilidade con ilusión, entrega e vocación de servizo público, para seguir traballando polo presente e o futuro da Pobra de Trives”.

Coa incorporación de Rubén Pérez, en substitución de Miguel Sierra, o grupo socialista e o goberno cobren as dúas baixas que se produciron a longo do actual mandato. No pleno ordinario do mes de xuño foi Javier Rodríguez que tomou posesión da súa acta, ao igual que Simón Rodríguez, no seu caso como concelleiro de grupo municipal do PP.

Back to top button