En portadaGalerías de fotosÚltima horaVídeos

Rubiá rende culto á Virxe do Camiño no día grande das Festas da Ascensión

O apartado lúdico das festas de maio celebrarase na fin de semana con orquestras

 

Un mes e medio despois de escenificar a Paixón de Cristo, os veciños de Rubiá celebran as festas da Ascensión coa que se conmemora o ascenso de Cristo ao ceo en presenza dos seus discípulos, corenta días despois do Domingo de Resurreción. Trátase dunha celebración moi importante para a comunidade cristiá e no concello valdeorrés vívese con especial devoción e forza, centrada nas figuras da Virxe do Camiño, da Inmaculada e de San Isidro, e que este ano estenderase do 26 ao 29 de maio cun importante apartado relixioso, pero tamén musical.

 

A Virxe do Camiño saíndo da igrexa de Rubiá.

 

Tralo parón polo Covid, un ano máis, o traslado da imaxe da Virxe do Camiño dende a capela na que se conserva durante o ano ata a igrexa parroquial previsto para o domingo 15 de maio, marcaba o comezo relixioso das festas. Coa imaxe xa na igrexa, o martes día 17 de maio comezaba a novena e hoxe,  xoves 26 de maio celebrábase o día grande das festas coa misa presidida polo bispo e Astorga Jesús Fernández e cantada polo coro parroquial, seguida pola procesión coa Virxe restaurada hai algo máis dun ano (engadíronlle un aureola), de regreso á capela na que é custodiada durante todo o ano. A comitiva estivo acompañada pola charanga Los Bercianos e encabezada por un grupo de nenos da parroquia.

 

 

A xornada de mañá, venres 27 de maio, arrancará de novo cun acto relixioso, nesta ocasión a procesión coa Inmaculada prevista para as 12:30 horas seguida da misa solemne. A imaxe desta Santa é unha fermosa talla restaurada hai tan só uns meses na que destaca a túnica branca e dourada e a capa dunha intensa cor azul con bordados en ouro.

Con respecto ao apartado estrictamente lúdico, dende o Concello recuperan o baile na praza e terán orquestras na fin de semana, o sábado 28 actuará a orquestra Arizona e o domingo, Los Satétiles. O domingo pola mañá sera tamén a celebración na honra a San Isidro con misa solemne prevista para as 12:30 horas, procesión e bendición de campos.

 

 

 

Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button