CulturaCulturaÚltima hora

‘Run Baby Run’, obra escrita pola valdeorresa Fátima Delgado, chega ao Barco de Valdeorras

Será o vindeiro 19 de xaneiro ás 21 horas no Teatro Lauro Omo

Equipo da obra con Fátima Delgado (cuarta pola dereita).

 

Logo da súa estrea no Salón Teatro do Centro Dramático Galego (CDG) de Santiago de Compostela, Run Baby Run, obra escrita pola valdeorresa Fátima Delgado e dirixida por Jana Pacheco, comezaba unha xira por diferentes espazos da xeografía española que chegará ao Barco de Valdeorras o 19 de xaneiro.

Nesta obra Fátima Delgado plasma unha das súas teimas, “o persoal é político”, e elabora unha reflexión sobre a discriminación de xénero dentro do deporte feminino que viu a luz logo das súas investigacións de varios casos de mulleres deportistas profesionais. A trama de Run Baby Run sitúase uns meses antes dos Xogos Olímpicos, cando Alba, unha atleta de éxito que acaba de gañar un mundial, é apartada da competición oficial por un feito inesperado e experimenta como se derruba o seu mundo. Acompañada pola súa inseparable adestradora, a deportista verase nunha encrucillada na que loitará por cumprir o seu soño sen renunciar ao seu verdadeiro ser.

O papel da atleta está interpretado por Alba Loureiro e o da adestradora, por Camila Bossa. O elenco complétase con Celina Fernández e Daniel Méndez, e a canda eles atópase un equipo artístico integrado por figuras senlleiras das artes escénicas, como o deseñador Pier Paolo Álvaro, Fernando Epelde en calidade de responsable da música e do espazo sonoro da peza, o escenógrafo Alessio Meloni, o iluminador Juan Gómez Cornejo ou a coreógrafa Greta García, entre outras.

 

Fátima Delgado./ Foto cedida.

 

A atmosfera galega e o entroido ourensán atravesan a obra dun xeito moi especial. Os peliqueiros, unha sorte de coro grego, ocupan a escena cun vestiario inspirado na indumentaria tradicional pero repensado polo devandito Paolo Álvaro. Neste sentido, Jana Pacheco salienta a colaboración da asociación ‘Las tejedoras’ de Vicálvaro, un colectivo de mulleres deste barrio madrileño “que se xuntan para tecer e dialogar sobre a violencia machista e que teceron flor a flor todo o vestiario dos peliqueiros”, materializando un traxe fermoso e cheo de significado.

A representación sobre o escenario do Teatro Lauro Olmo o vindeiro 19 de xaneiro (21h.) forma parte da programación da XXII Festa do Botelo, sendo a propia Fátima a condutora da gala do pregón, nese mesmo espazo o sábado día 20.

 

Artigos relacionados

Back to top button