CulturaCulturaGalerías de fotosÚltima hora

Ruta con sabor a historia, chocolate e moita natureza pola ponte Cabalar de Trives

A III Ruta de Sendeirismo do Concello de Trives propoñía o 31 de xullo unha andaina familiar por esta zona do municipio

Unhas 25 persoas participaban na mañá do 31 de xullo na III Ruta de Sendeirismo Familiar que se desenvolve en Trives no que vai de verán. Desta volta esta proposta, organizada polo Concello de Trives, propoñía un itinerario que conducía aos camiñantes ata o fermoso entorno da ponte Cabalar, ao pé do río deste mesmo nome e paseando entre frondosos bosques e entre interesantes restos patrimoniais.

“Un contacto continuado coa natureza en toda a ruta, rodeados de árbores e acompañados en varios momentos polo son da auga do río Cabalar, o patrimonio cultural tamén estivo presente. Chegamos a Ponte Cabalar, ponte de orixe romana pero que tivo que ser reconstruída alá polo 1832”, comentan dende o Concello de Trives.

Durante o percorrido, os participantes na ruta tamén se paraban a ver “os restos da Fábrica de Chocolate levantada por D. José Salgado no 1889 e que tivo a honra de ser provedor da Casa Real no reinado de Afonso XIII. Esta fábrica ademáis de chocolate tamén producía electricidade para a vila de Trives”, enganden dende a organización.

Precisamente dende ese lugar, os participantes na andaina iniciaban o camiño de volta cara á vila de Trives, de onde partía tamén a ruta ás nove da mañá.

Fotos: Concello de Trives.

Artigos relacionados

Back to top button