
“As Cores de Trevinca – primavera. Ruta Ornitolóxica – Serra Calva e Alto Bibei” é o nome da próxima actividade deportiva e formativa que organizará o Club Montañas de Trevinca o próximo sábado día 28 de maio.
De feito, acompañando ao deporte, “durante o percorrido se realizarán unha serie de charlas sobre variados aspectos ornitolóxicos, con traballos de campo sobre o recoñecemento das nosas aves das Montañas de Trevinca-A Veiga”, adiantan dende a organización.
O punto de encontro dos participantes na ruta será as Lagoas de Tabillas ás 9:30h. do 28 de maio. A continuación farase un percorrido ata Mallada dos Currais, Lagoa de Pichos, A Porpasa, Pedrada e Porto de Sanabria. Dende aí os participantes collerán un autobús para regresar ao inicio da ruta. As prazas da actividade son limitadas “en atención as características de grande valor natural do intinerario” e a data límite para anotarse será o xoves, 26 de maio ata as 15h.
“Con esta interesante ruta pola ZEPA Pena Trevinca (Zona de Especial Conservación das Aves) e Parque Natural de Sanabria, queremos dar a coñecer unha zona ornitolóxica de moi grande interese. Este percorrido ornitolóxico, nos permitirá coñecer unha afección que combina a observación da avifauna co camiñar polas montañas máis altas de Galicia”, destacan dende o Club Montañas de Trevinca.