ConcellosTrivesÚltima hora

Ruta dos Sequeiros do Navea, a primeira do proxecto ‘Coñece e Saborea’ para promocionar o territorio do GDR Sil-Bibei-Navea

Celebrábase na mañá do 14 de agosto con inicio e fin na igrexa de Pena Folenche, no concello da Pobra de Trives

 

A Igrexa de Pena Folenche, no concello da Pobra de Trives, marcaba na mañá do domingo 14 de agosto, o inicio da Ruta dos Sequeiros do Navea, a primeira das dez andainas (unha por cada concello integrante) previstas ata o mes de outubro, dentro do proxecto ‘Coñece e Saborea’ a terceira iniciativa de promoción do territorio GDR Sil-Bibei-Navea.

En pleno Macizo Central ourensán e cun circuíto circular, os asistentes comezaban a andaina na aldea de Pena Folenche, tamén coñecida como Trives Vello, desfrutando das vistas da montaña ourensán dende o mirador. Despois baixaban seguindo o camiño ata os antigos sequeiros de Pena Folenche, interesante conxunto etnográfico de grande valor. O camiño de baixada cara o río Navea discorre entre unha espesa fraga con diversidade arbórea (castiñeiros centenarios, carballos, pradairos, abelairas, bidueiros,…) chegando ata a abandonada aldea de Ponte Navea, linde do concello de Trives e lugar atravesado polo paso da Vía Nova, regresando de novo ao punto de partida.

A petiscada para os participantes tiña lugar no Restaurante As Maceiras onde puderon degustar embutidos, Queixo de La Mata, revolto de shiitake (setas de Trives), churrasco e bica.

A segunda ruta será o 28 de agosto por Manzaneda.

 

 

Fotos cedidas.

 

Artigos relacionados

Back to top button