DeportesMontañismoÚltima hora

Ruta “Entre Vales–O Teixadal (Vales Glaciares de Trevinca)”, o 7 de maio

A data límite para anotarse nesta actividade, promovida polo Club Montañas de Trevinca, será o 5 de maio

Imaxe: Club Montañas de Trevinca.

 

O Club de Montañismo Montañas de Trevinca propón para esta primavera a marcha de montaña “Entre Vales–O Teixadal (Vales Glaciares de Trevinca)”. Esta actividade está programada para o vindeiro 7 de maio e con ela preténdese amosar “parte dos vales glaciares máis importantes das Montañas de Trevinca, o crestón tipo “alpino” do Lombo do Roncín, crestón do Pena Negra e a cota onde se xuntan as tres provincias, Zamora, León e Ourense. O descenso dende Ladeira da Medias descorre polo val colgante onde nace o regato San Xil, e continúa ata a parte máis alta do Teixadal seguindo ata A Cabrita e final do percorrido”, explican dende a organización.

Así, a ruta partirá ás 9h. dende Vilanova de Trevinca (A Veiga), para logo continuar polo Pico Maluro (1.933 m), Pena Negra (2.124 m), Ladeira da Medias (2.042 m), O Teixadal (1.400 m) a cuxa entrada se fará unha parada para xantar e, finalmente, A Cabrita (1.698 m). Estímase que o percorrido rematará arredor das 18h. na parte baixa da Cabrita (pista Fonte da Cova), onde os participantes se subirán a un autobús para regresar á Vilanova de Trevinca.

As persoas interesadas en anotarse nesta actividade (con prazas limitadas polas características de gran valor natural do itineario) terán como data límite para anotarse o xoves 5 de maio ata as 15:00 h.

Para inscricións ou ampliar información:

https://www.montanasdetrevinca.es/14-entre-vales-o-teixadal/

Artigos relacionados

Back to top button