ConcellosÚltima hora

Ruta micolóxica e cata de cogomelos e queixo, o 24 de abril en Castro Caldelas

Esta proposta forma parte do programa de actividades “Un castelo no Camiño Augas Sacras”

 

Continúa o programa “Un castelo no Camiño Augas Sacras”, que se iniciaba o pasado 3 de abril. Trátase dun proxecto promovido polo Concello de Castro Caldelas, e financiado a través do programa “O Teu Xacobeo”, que pretende impulsar actividades culturais, deportivas e gastronómicas no corazón da Ribeira Sacra.

Así para o próximo 24 de abril está prevista unha actividade de exaltación dos produtos gastronómicos locais: cogomelos e queixo. A xornada arrancará cunha pequena ruta guiada arredor do castelo para recoñecer as principais variedades micolóxicas do lugar. Cogomelos presentes non só no outono.

“Diferentes especialistas axudarán aos participantes a identificar as especies comestibles, tóxicas e psicoactivas máis comúns. Procurando así prever as súas posibles confusións. Ao rematar haberá unha pequena cata de produtos de temporada no monumento defensivo de referencia en toda a Ribeira Sacra”, tal e como se informa dende a organización.

A actividade retomarase en horario de tarde, onde os participantes poderán realizar unha visita guiada á queixería Touza Vella, recoñecida polo seu bo facer cos queixos de cabra. Podendo novamente catar unha mostra destes produtos.

Con estas actividades avánzase no obxectivo de converter ao Castelo de Castro Caldelas no referente cultural da comarca, tal e como indica Sara Inés Vega, alcaldesa de Castro Caldelas, “trátase de ofertar actividades non só para os turistas e a xente que nos visita en tempo estival, senón que tamén para que a propia veciñanza da zona coñeza, valore e goce dos seus recursos. Empregando o Camiño de Santiago como esa fonte de coñecementos e experiencias históricas que sempre foi”.

O prazo de inscrición xa está aberto na páxina www.celtiatravel.com e as prazas son limitadas por mor das restricións sanitarias derivadas do Covid-19. Por este motivo tamén se establecerán estritos protocolos de seguridade para manter a distancia de seguridade e as pautas dispostas polos organismos oficiais.

Artigos relacionados

Back to top button