OurenseÚltima hora

A ruta “Ourense Termal e de Compras” incorpórase aos trens turísticos de Galicia

 “Ruta descubrindo A Coruña” é a outra novidade que se incorpora aos 11 itinerarios desta campaña promovida por Turismo de Galicia
As burgas.

A campaña de trens turísticos impulsada por Turismo de Galicia, Inorde Ourense e Renfe, incorporará este ano dúas novas rutas. En total, ofreceranse 11 itinerarios que percorrerán gran parte da xeografía galega entre os meses de xuño a outubro, “coa intención de fomentar un turismo de calidade e sustentable”.

Así o explicou hoxe, 12 de maio, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, durante a presentación da nova edición desta campaña, nun acto que contou coa presenza da delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira; do presidente do Inorde, Rosendo Fernández, e o xerente da Área Comercial e Servizo de Atención ao Cliente de Renfe, Javier Díaz Trisac.

Como indicou Castro, a nova oferta chega con dúas novidades, a “Ruta Ourense termal e de compras”, que combina o turismo polo casco histórico da cidade das Burgas, as Termas de Outariz e tempo libre para realizar compras opcionais pola cidade; e a “Ruta Descubrindo A Coruña”, na que os viaxeiros poderán descubrir a cidade camiñando polo paseo marítimo e percorrendo as súas rúas.

A estes dous itinerarios súmanse a “Ruta dos Faros”, que percorre un dos grandes atractivos da costa galega e que este ano inclúe visita ao Faro de Estaca de Bares e o de Illa Pancha; a “Ruta dos pazos e xardíns históricos”, que recorre desde Santiago ata Vigo para visitar o Castelo de Soutomaior ou o Pazo de Quiñones de León; a “Ruta da Lamprea”, que inclúe unha visita ao museo da lamprea ou á fortaleza de Salvaterra ou “Ruta Lugo Romano”, que permite visitar o casco histórico de Lugo e unha visita ao Balneario de Lugo.

Como cada ano, os trens turísticos de Galicia, tamén inclúen as cinco rutas que percorren as Denominacións de Orixe dos nosos viños coa Ruta do Viño Ribeira Sacra, a das Rías Baixas, a de Monterrei, a do Ribeiro-Rías Baixas, a de Valdeorras-Ribeira Sacra.

Ata o mes de outubro

En total a edición deste ano conta con 11 itinerarios, con 56 saídas regulares, que se desenvolverán dende o 10 de xuño ata o 28 de outubro. Todo, cunha ampla oferta para recorrer as catro provincias galegas en rutas dun día na que se inclúen desprazamentos en autobús e visitas guiadas.

Estes trens turísticos –que se reforzan este ano tamén cunha nova imaxe potenciando o papel da costa como elemento senlleiro de Galicia- estanse a consolidar como un dos produtos turísticos máis exitosos do verán galego, e que este ano tamén se estenderán ao mes de outubro. O ano pasado a ocupación media superou o 80% de xuño a setembro, recibindo viaxeiros de 19 nacionalidades diferentes.

“Sen dúbida será esta unha boa campaña que permitirá o contacto do viaxeiro coa nosa enogastronomía, e tamén poderemos achegarlles o mellor dos nosos produtos peculiares como a lamprea, os xardíns da camelia ou os nosos recursos termais e naturais, entre outros moitos”, salientou a directora de Turismo, Nava Castro.

 

Artigos relacionados

Back to top button