A tradicional Romaría da Tuíza de Lubián congregaba neste santuario zamorano na honra da Virxe das Neves a multitude de persoas tanto deste municipio como doutras zonas próximas como é a provincia de Ourense.
O programa festivo, que tiña xa un limiar de actuacións musicais os días 27 e 28 na vila de Lubián, iniciábase ás 11h. no entorno do santuario coa apertura da Feira de Artesanía e Produtos da Terra, que permanecía aberta ao longo de toda a xornada, e na que podían verse produtos tamén ourensáns como é o caso de cervexas artesás da comarca de Verín e Monterrei.
Ás 13h. celebrábase a procesión coa imaxe da Virxe, que estaba acompañada polo son tradicional da Banda de gaitas As Portelas, seguida da misa. Posteriormente, actuaba o Rancho Folclórico Os Azuraras de Quintela de Azurara, dunha zona portuguesa moi próxima a Viseu.
Xa pola tarde ás 18h. a música da orquestra La Ocaband e como remate da festa tiña lugar unha multitudinaria degustación de dúas vitelas asadas ao “burduntzi” nunha longa elaboración que se prolongaba durante o día. Dela ocupábase o equipo de Karlos Ibarrondo. Unhas mil persoas degustaban este delicioso prato, que se servía acompañado do viño de Ladeira da Mata (Manzaneda) e tamén dos seus queixos, ademais de por outros produtos zamoranos como o viño de Toro.
O alcalde de Lubián, Felipe Lubián, facía unha valoración moi positiva desta edición da romaría, na que tamén acompañou o tempo e logrouse escorrentar á chuvia. “Foi unha xornada marabillosa. Estou moi contento porque o Rancho Folclórico de Azurara foi algo extraordinario e logrou darlle un tinte á festa nesta encrucillada de culturas entre galego, castelán e portugués. Tamén actuou a nosa Banda das Portelas e logo tivemos unha orquestra que é a máis idónea que un se pode imaxinar para meterse a xente no peto, posto que todo o mundo pode tararear as cancións, xa que as coñece, e bailalas. E despois temos a degustación, cuns mil participantes, un número adecuado porque non dispomos de espazo para máis xente, así que foi todo estupendo”, sinalaba o rexedor.
Fotos: Carlos G. Hervella.