ConcellosO BarcoÚltima hora

Sae a concurso a reforma dos antigos Xulgados do Barco, cun orzamento duns 280.000 euros

As súas dependencias adaptaranse para sede da Policía Local e a Oficina de Turismo

 

O Concello do Barco vén de sacar a concurso a obra de reforma do edificio dos antigos xulgados do Barco de Valdeorras, para a que se destinou un orzamento de 279.500 euros. Esta obra, para a que se establece un prazo de execución de seis meses, deberá estar rematada o 1 de decembro de 2023, e as ofertas para optar á súa execución poden ser presentada polas empresas interesadas ata o día 24 deste mes, segundo informa o Concello.

A sede dos antigos xulgados do Barco de Valdeorras atópase sen uso desde o traslado das dependencias xudiciais ao novo edificio construído na praza Clara Campoamor. O Concello do Barco pretende que estas dependencias se destinen a albergar a sede da Policía Local e o servizo de Turismo. Tamén se mellorará a accesibilidade, coa instalación dun ascensor que chegará ata o último andar, no que hai unha vivenda que se porá a disposición do departamentos de Servizos Sociais para situacións de emerxencia.

No caso do servizo de información turística, a pequena oficina na que actualmente se desenvolven as actividades de atención ao público é insuficiente para a súa función. Por iso, crearanse unhas instalacións para dar resposta ao considerable aumento da actividade turística rexistrada nos últimos anos na localidade, que ten unha gran oferta cultural, patrimonial, gastronómica, vitivinícola e festiva, así como un incremento considerable do interese dos visitantes tras o desenvolvemento experimentado polo Camiño de Inverno a Santiago.

Pola súa banda, a Policía Local dispón actualmente dunhas dependencias para o desenvolvemento da súa actividade nun baixo no que se conta con todos os servizos, pero trátase dun local de pequenas dimensións e pouca luz natural e ventilación, e con unha sala de detención con características mellorables. Por esta razón, o edificio dos antigos xulgados albergará a sede da Policía Local, na que se contará con zonas de atención ao público, oficinas, vestiarios e sala de detención.

As obras consistirán na adecuación das plantas baixa e primeira para adaptalos ás necesidades destes dous servizos. Para a súa execución, asinouse un convenio de colaboración entre o Concello do Barco de Valdeorras e a Vicepresidencia Segunda e Consellería e Presidencia, Xustiza e Deportes, e a Axencia de Turismo de Galicia.

En virtude dese convenio, a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes achegará 80.000 euros, a axencia de Turismo de Galicia aportará 120.000, e o Concello do Barco de Valdeorras achegará 79.500 con cargo a fondos propios. No ano 2022 investiranse 74.931,39 euros, e os 204.568,61 euros restantes en 2023.

Artigos relacionados

Back to top button