En portadaGalerías de fotosÚltima hora

San Clodio (Lugo) exalta as cereixas e o aceite de Ribas de Sil

A praia fluvial acolleu esta fin de semana unha nova edición da festa gastronómica

Deslucida a ratos pola chuvia, a Festa da Cereixa e do Aceite de Ribas de Sil foi un ano máis (e xa van XVI) o mellor reclamo turístico deste concello do sur de Lugo.

Así, ao longo de dúas xornadas (9 e 10 de xuño) a Praia Fluvial de San Clodio acolleu a cita cuns claros protagonistas: os seis produtores de cereixas e aceite do municipio (concretamente das localidades de Figueiredo e Casares). Comezando por Néstor Álvarez e continuando por Miguel A. Rodríguez, José Miralles, José Arias, Joaquín Vidal e Quique. Todos amosaron e venderon os seus produtos de gran calidade “e recén collidos”, aseguraba o alcalde de Ribas de Sil Miguel Ángel Sotuela, dando a benvida aos asistentes á lectura do pregón.

Malia que a festa arrancaba na mañá do sábado, era no mediodía do domingo cando tiña lugar un dos actos destacados do programa, a intervención do pregoeiro, neste caso o xornalista Fidel Fernán Bello. Pendentes da chuvia que ameazaba e diante dun atento público no que se atopaban numerosas autoridades (dende o presidente da Deputación de Lugo ata alcaldes dos concellos limítrofes e mesmo o de Petín, Miguel Bautista), o pregoeiro fixo honra á súa profesión como locutor, facendo unha rápida, amena e breve intervención. Coma quen non quere a cousa, falou de desgrazas (lembrando o ciclón Hortensia do ano 1984 que arrancou de raíz a cerdeira que seu avó plantara recén chegado de Cuba); tamén de historia (facendo referencia ás 8 variedades de cereixa colleitada polos romanos no século I a.C.); de literatura (parafraseando a Álvaro Cunqueiro); e mesmo de política (moción de censura e novo goberno incluídos); pero sobre todo, falou de cereixas e de saúde, loando as bondades deste suculento froito vermello como a eliminación de toxinas, a axuda á circulación do sangue,… “Son boas para o enrugamento da pel e mesmo para perder peso”, asegurou Fidel, compartindo cos presentes unha receita infalible “que poremos en marcha o alcalde e máis eu”, dixo: beber dous litros de zume de cereixa durante tres días seguidos.

As cereixas e o aceite son os eixes sobre os que xira esta tradicional celebración á beira do Sil, pero son moitos máis os ingredientes cos que se cociña cada ano. Ao longo do paseo fluvial esténdense preto de medio cento de postos de licores, de viño, de pan, doces, artesanía, xoguetes, bixutería, embutidos, encurtidos e mesmo plantas medicinais, ademais de postos de mercadiño e ata unha libraría, sen esquecer brincadeiros para os máis pequenos. Este ano ademais había unha representación da Federación de Asociacións de Mulleres Rurais de Galicia con produtos artesáns e 100% naturais, á venda. A Asociación de Veciños de Margaride aproveitou a ocasión para promocional a VIII Festa do Ouro.

O programa incluíu actividades complementarias como actuacións musicais en directo, presentacións de libros, títeres e ata competicións deportivas.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button