Durante catro intensos días de traballo en Escocia, o alcalde de San Xoán de Río, Xosé Miguel Pérez Blecua e a alcaldesa de Larouco, Patricia Lamela Rodríguez, participaban activamente no VI Parlamento Rural Europeo, celebrado na localidade de Inverurie (Aberdeenshire), xunto a máis de 400 líderes rurais de 43 países.
A participación de ambos concellos neste proxecto comezou hai dous anos, a proposta da Universidade de Vigo, que convidou a San Xoán de Río e Larouco a formar parte desta iniciativa europea de cooperación rural, xunto a outros territorios de distintos países. Desde entón, ambos municipios levan meses de traballo intenso e continuado, aportando a súa visión, experiencia e compromiso co desenvolvemento sostible do rural galego.

O resultado deste proceso culminou coa aprobación da “Declaración de Inverurie 2025”, un manifesto que recolle o espírito e as demandas das comunidades rurais europeas. O texto reivindica o papel das pequenas comunidades como motor de innovación, cohesión e resiliencia, e fai un chamamento á colaboración real entre territorios, institucións e xeracións.
“Este manifesto é o froito de dous anos de colaboración e aprendizaxe conxunta. Representa a voz dun rural europeo que xa está en marcha, que non pide axuda, senón apoio e confianza”, destacou Xosé Miguel Pérez. Pola súa banda, Patricia Lamela sinalou que “Galicia tivo presenza activa nun documento que marcará o rumbo das políticas rurais europeas dos próximos anos. É un orgullo representar ás nosas comunidades e demostrar que desde o rural tamén se constrúe Europa”.

A “Declaración de Inverurie 2025” aposta por unha Europa “máis verde, xusta e participativa, recoñecendo o dereito a vivir, traballar e prosperar nos territorios rurais” e San Xoán de Río e Larouco, consolidan así a súa posición como referentes galegos no debate europeo sobre o futuro do rural, impulsando unha nova visión baseada na innovación, o talento e a cooperación entre comunidades.
Na declaración asinada, os habitantes das zonas rurai aseguran que teñen “as claves para atopar as solucións que Europa necesita”. Veñen de todas as xeracións e de todos os recunchos da Europa rural: mozos e vellos, mulleres e homes, nacidos aquí e recentemente chegados, do continente e das illas, das costas, dos vales e das montañas e aseguran que spn capaces. “Somos comunidades fortes. Creamos solucións esenciais para a convivencia, sobre o terreo. Somos e temos o que mantén a Europa competitiva, solidaria e resiliente. Pedimos recoñecemento, apoio e unha asociación xenuína, non barreiras que freen o cambio que xa estamos a impulsar”.