ConcellosÚltima hora

San Xoán de Río, referente da narración da Galicia rural

O Concello vén de convocar, co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e de Galaxia, o I Premio de Novela da Galicia Rural para o ano 2020. O premio será de 1.000 euros, ademais da edición da obra

 

“Por fin hoxe podemos confirmar algo no que levamos meses traballando. San Xoán de Río convertirase neste 2020 no referente da Cultura Rural galega con este concurso”, destaca con satisfacción o alcalde de San Xoán de Río, Xosé Miguel Pérez Blecua.

Este Concello, co apoio e patrocinio da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta  e coa colaboración da Editorial Galaxia, vén de convoca o “I Premio de Novela da Galicia Rural” para o ano 2020.

A el poderán optar aqueles autores que “presenten novelas orixinais e inéditas, non publicadas ou divulgadas, en todo ou en parte, por calquera medio físico ou electrónico, escritas en lingua galega segundo a normativa RAG/ILG, que sitúen a súa trama na Galicia rural ou que concedan a esta un protagonismo relevante na narración”, segundo as bases, que poden consultarse en https://www.lingua.gal/a-secretaria-xeral/convocatorias/_/Premios/convocatoria_0103/premio-novela-galicia-rural .

As obras, cunha extensión mínima de 100 páxinas, deberán ser enviadas antes do 30 de xuño do 2020 ao Concello de San Xoán de Río. O ditame do xurado farase público no mes de setembro.

O premio consistirá na edición da obra por parte da Editorial Galaxia, unha contía en metálico de 1.000 euros máis a entrega dun diploma acreditativo, que será entregado nun acto público organizado polo Concello de San Xoán de Río.

Artigos relacionados

Back to top button