PolíticaÚltima hora

Sarín Núñez, actual portavoz municipal do BNG en Barbadás, candidato á alcaldía nas municipais

 

No parque da Solaina, na Valenzá, vén de presentar o BNG do Concello de Barbadás a candidatura coa que concorrerá ás vindeiras eleccións municipais do 28 de maio. Arroupados polo deputado nacionalista no Congreso dos Deputados Néstor Rego, o cabeza de lista e actual portavoz municipal, Sarín Núñez destacou que a conformación da candidatura é froito do “traballo desenvolto ao longo dos últimos meses con continua interlocución social con diferentes colectivos do concello e co obxectivo de acadar unha lista na que todas as parroquias estean representadas e que toda a veciñanza se poida sentir identificada con ela”.

Núñez, puxo en valor o feito de que a candidatura “reflicte a realidade social de Barbadás e os diferentes sectores sociais do concello así como das diferentes parroquias que o conforman”, e engade, “estamos diante dunha renovación importante da candidatura da que tamén forman parte persoas con ampla experiencia para encarar os retos que temos por diante”. Sarín Núñez aspira a facer de Barbadás “un concello dinámico, próspero e atractivo e onde os servizos públicos e de calidade teñan unha gran importancia”.

En canto aos retos de cara ao vindeiro mandato, Sarín Núñez destacou algunhas das propostas que formarán parte da proposta do BNG para as eleccións municipais. A necesidade de intensificar a reivindicación dun Centro de día, a creación de piscinas climatizadas que poidan ser empregadas todo o ano ou unha segunda escola infantil, “tendo en conta que no noso concello nacen ao redor de 90 crianzas ao ano”, son parte da proposta nacionalista.

Pola súa banda, o deputado Néstor Rego sinalou a importancia de ter un goberno municipal do BNG “que goberne para a maioría da poboación, a través de políticas transformadoras para mudar, en positivo a vida da xente”. Rego puxo en valor o feito de que os gobernos municipais do BNG sexan moi ben valorados tanto dentro dos concellos onde goberna como fóra deles. Rego entende preciso “estender e mellorar os servizos públicos, así como dotar de máis recursos o Concello”.

Un proxecto municipal engade Néstor Rego, “inxerido dentro da marca de concellos BNG, unha marca de prestixio que garante que a organización nacionalista cumpre con todo aquilo co que se compromete”. Así mesmo, destaca que a candidatura do BNG de Barbadás “enmárcase dentro dun proxecto nacionalista que aspira a mudar a realidade do país”.

Artigos relacionados

Back to top button