ConcellosO BarcoÚltima hora

Satisfacción do CRDO Valdeorras tras os actos promocionais da fin de semana en Viloira (O Barco)

Publicidade

Valoración positiva dende o Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras dos diversos actos de promoción vitivinícola que se desenvolvían na pasada fin de semana na praza de Viloira (O Barco): un túnel do viño, catas-maridaxes e un concerto da man do grupo Broken Peach. Houbo unha “boa participación de veciños e visitantes. Foron varios centos de persoas as que sábado e domingo puideron desfrutar de ata 70 referencias diferentes das 22 adegas da comarca que participaron no Túnel do Viño”, aseguran dende o CRDO Valdeorras.

Este Túnel do Viño celebrouse cun protocolo anti-Covid, que incluía ventilación da carpa, entradas e saídas diferenciadas e aforo limitado. Tamén se limitou a asistencia a 20 persoas a cada unha das catas comentadas que se celebraron no Xardín da Casa Grande de Viloira o sábado. Unha foi sobre froita e viño e outra sobre maridaxe de queixos galegos con viños da comarca. Ambas as dúas completaron o aforo previsto.

Logo da fin de semana e a modo de balance, o presidente do Consello Regulador da D.O. Valdeorras, José Luis García Pando, expresa a súa “satisfacción” pola realización dos diversos eventos e confía en intensificar, paseniñamente e conforme se vaia recuperando a normalidade, “a axenda de actos do promoción dos viños da comarca en diferentes localidades galegas e españolas durante os vindeiros meses”.

Fotos: A.R.

Artigos relacionados

Back to top button