ConcellosLaroucoÚltima horaVídeos

Seadur (Larouco) converterase nunha aldea modelo

 

No decurso da viaxe que realizaba neste sábado a Larouco o conselleiro do Medio Rural, José González, tamén visitaba a localidade de Seadur, onde se está a traballar para crear unha aldea modelo, unha iniciativa que se atopa na fase de recollida de sinaturas.

Neste caso, trátase dunha zona de pastos e labradío que inclúe tamén masas de coníferas e frondosas. Consta dunha superficie de 34,17 hectáreas arredor do núcleo de poboación que se busca poñer en valor, distribuídas en 565 parcelas de 269 propietarios.

 

 

Con respecto a este proxecto, José González apuntaba que “máis alá da propia aldea, o importante desta iniciativa é a franxa que propoñemos arredor do núcleo que, neste caso, chega case as 40 hectáreas nas que vai haber esa actividade agrogandeira, nas que dende logo sen ningunha dúbida vai protexer a Seadur dos incendios forestais no caso de que houbera algún”.

 

 

Sobre a aldea modelo de Santa Mariña de Seadur, a alcaldesa de Larouco, Patricia Lamela, lembra que se trata dun proxecto “detrás do cal levamos ano e medio. No 2017 houbo un gran lume en Seadur que chegou ata as casas, e este ano volveu haber a principios do verán outro incendio. Con isto o que pretendemos é protexer o pobo e ademais poñelo en valor, xa que Seadur é unha zona moi bonita, cunha rua enteira cun total de 72 adegas. A aldea modelo é unha forma ademais de embelecer o pobo e de facer que non arda, que estea un pouco máis protexido”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button