PolíticaÚltima hora

Secundino Fernández será novamente o candidato do BNG á alcaldía de Viana do Bolo

Secundino Fernández./ Cedida.

 

A asemblea local do BNG de Viana do Bolo vén de aprobar por unanimidade a proposta para que Secundino Fernández encabece a candidatura do BNG as próximas eleccións municipais do 28 de maio. Secundino Fernández Fernández foi alcalde dende o 2015 ao 2020. “Un período no que Viana avanzou na resolución dos problemas que levaban anos e anos enquistados e no que as veciñas e veciños de Viana do Bolo tiveron as portas abertas da casa do concello. Un período, 2015-2020, onde o primeiro foi a veciñanza de Viana con políticas centradas en solucionar os seus problemas, tanto en infraestruturas, servizos publicos e sociais como en campos como a cultura e o deporte. Desgraciadamente este traballo viuse truncado por unha moción de censura que manipulando o sentir das veciñas e veciños de Viana do Bolo acabou levando outra vez ao PP e a Montesinos a alcaldía”, din dende o BNG de Viana do Bolo.

Secundino Fernández é enxeñeiro de Montes e enxeñeiro técnico agrícola, funcionario da Xunta de Galicia Xefe de Sección na Oficina Agraria comarcal de Viana do Bolo dende o 2004.

“E unha honra e unha enorme responsabilidade ser o candidato a alcaldía”, di o cabeza de lista do BNG en Viana do Bolo. Ademais agradece aos compañeiros “a confianza depositada en min ao mesmo tempo que agradezo a toda a veciñanza de Viana o empuxe, os ánimos e a forza que me transmitiron. Dende logo sen todo este apoio diario e a confianza que me transmitía non houbera dado o paso de encabezar a candidatura do Bloque Nacionalista Galego de Viana do Bolo”.

Estou preparado para acometer este reto de derrotar unha vez mais ao PP nas furnas. Teño a paixón, a ilusión, a forza e as gañas de enfrontalo e recuperar a alcaldía de Viana do Bolo.”

Quedan por diante dous meses e medio no que conformaremos unha candidatura ao nivel da esixencia que necesita Viana do Bolo así como elaborar as propostas e programa para desenvolver nos próximos anos.

Artigos relacionados

Back to top button