Galerías de fotosPolíticaÚltima hora

Secundino Fernández: “Temos programa, ideas e ganas de levalas a cabo en Viana”

O cabeza de lista do BNG en Viana presentaba a candidatura desta formación ás municipais nun acto celebrado na tarde do 3 de maio coa asistencia de Ana Pontón

Tendo como carta de presentación “o traballo realizado nestes catro anos”, o BNG concorre en Viana do Bolo ás vindeiras eleccións municipais do 26 de maio “co obxectivo de darlle” a este concello “outros catro de anos de goberno porque temos un programa, temos unhas ideas e as ganas de levalas a cabo”. Así o destacaba o seu cabeza de lista e actual alcalde, Secundino Fernández, no acto de presentación da candidatura desta formación ás eleccións municipais, nun acto celebrado na tarde do 3 de maio na Casa da Cultura de Viana do Bolo, contando coa presenza da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón.

Os nacionalistas loitarán por facerse o 26 de maio “cunha maioría que nos permita gobernar con facilidade”, adiantaba Secundino Fernández, quen tamén aseguraba que estes “primeiros catro anos foron complexos, con atrancos”, e mesmo “foron anos duros a nivel persoal”, dicía amosando un agradecemento especial a “Mónica, compañeira infatigable”. Pero tamén resultaron catro anos “ilusionantes e de moito traballo e alegrías. Foron catro anos que significaron un cambio total, cunha actuación política dirixida á xente, aos veciños de Viana e coa Casa do Concello aberta”, engadía.

 

Secundino Fernández, candidato á alcaldía de Viana polo BNG, no acto.

 

O candidato nacionalista sinalaba que “é necesario continuar coas políticas iniciadas” e aseguraba que, de seguir á fronte do goberno municipal, tres serán as súas premisas: “máxima eficacia e rendibilidade dos recursos públicos”, unha “actuación política na que prime a transparencia e a equidade” e unha “mellora das infraestruturas viarias locais, dos equipamentos sociais e edificios públicos; mellora dos servizos sociais, defensa dos sectores produtivos coa conseguinte creación de emprego”.

A de Secundino Fernández era a última intervención dun acto presentado por Susana Fernández, integrante da lista e actual concelleira do BNG en Viana, quen facía “un balance positivo no traballo desenvolvido” na lexislatura que está a piques de finalizar. “Queríamos demostrar que outro Concello era posible e, o que daquela era un desexo, hoxe é unha realidade”, indicaba. E completaba as súas palabras coa proxección dun vídeo (elaborado por Andrés Ortiz) que amosaba unha escolma dos proxectos realizados en diferentes puntos do municipio.

 

Outro dos momentos da presentación da candidatura do BNG en Viana.

Seguidamente, Susana Fernández cedía a palabra a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, quen pedía o apoio “para que Secundino siga sendo o alcalde de Viana e que o sexa ademais cunha maioría reforzada para que este concello poida seguir avanzando”. Destacaba que o BNG “demostrou que se pode gobernar doutra maneira e que hai un proxecto para Viana”. Pontón lembraba ademais que o vindeiro 26 de maio haberá eleccións europeas, “é importante que teñamos alguén en Europa que vele polos intereses de Galiza”, dicía aludindo á cabeza de lista do BNG neses comicios, Ana Miranda.

O acto pechábase coa presentación da candidatura do BNG ás eleccións locais en Viana, na que Secundino Fernández ía nomeando un a un aos seus integrantes. “É unha candidatura sólida, paritaria, de xente moza con ganas e de xente con experiencia, con ideas e coa cabeza e o corazón en Viana do Bolo”, subliñaba.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Candidatura do BNG en Viana do Bolo

 

Artigos relacionados

Back to top button