
Esixindo “un trato xusto”, outro mes máis convocados pola Plataforma de Emigrantes Retornad@s de Valdeorras, arredor de corenta persoas volveron concentrarse a comezos de abril diante da delegación de Facenda no Barco.
Alí, deuse lectura ao comunicado no que no aceptan a lei de regularización do PP porque “continúa existindo unha grave discriminación”. Por iso os emigrantes retornados propoñen “unha reforma da lei 35/2006, hoxe 35/2014 do IRPF, unha reforma que para ser real, esixiría igualala ao resto dos pensionistas galegos e que sería a partir dos 22 mil euros anuais”.


Tamén reivindican unha reforma que “pouco a pouco avance nas transferencias a Galiza na urxente descentralización do Estado, por unha banca e unha facenda públicas galegas”.