Entrevistas

“Seguen pendentes as autovías A-76 e A-56”

José Manuel Pérez, presidente da CEO, avoga por potenciar a comunicación coas asociacións empresariais comarcais
O presidente da CEO, José Manuel Pérez./ Foto: Carlos G. Hervella.
O presidente da CEO, José Manuel Pérez./ Foto: Carlos G. Hervella.

A internacionalización e a innovación. Esas son as claves de futuro para as empresas da provincia, en opinión do presidente da Confederación Empresarial de Ourense (CEO), José Manuel Pérez Canal. De aí que os esforzos desta organización vaian enfocados, principalmente, a estas dúas liñas. Nos escasos dous anos que leva no cargo tamén ten apostado por achegarse ás asociacións de empresarios comarcais. Neste senso, vén realizando unha serie de visitas pola provincia, a última das cales tiña como destino Valdeorras a primeiros de febreiro. Ademais a confederación segue insistindo nas demandas en infraestruturas que considera necesarias para o despegue económico da provincia, facendo fincapé en dúas: as autovías A-76 (Ponferrada-Ourense) e A-56 (Ourense-Lugo).

¿Como valora estes case dous anos de xestión ao fronte da CEO?

Cando a nosa candidatura concurriu ás eleccións da confederación adquirimos, se ganábamos, uns compromisos para levar a cabo no primeiro ano. Todos eles cumpríronse. O único que nos levou un pouquiño máis de tempo na súa aprobación foi o código ético, que saía adiante na última xunta directiva. Basicamente nós propoñíamos facer un organigrama concreto das funcións e dos departamentos da CEO, que non existía anteriormente.

Tamén elaboramos un plan estratéxico ou plan director da actividade para enfocar o futuro das accións da organización e puxemos en marcha un departamento específico de relación coas asociacións e coas empresas, así como un departamento adicado ao emprendedor. Incidimos bastante na internacionalización e no sector dos viños, pero tamén queremos facelo en áreas de innovación. Pensamos que o futuro pasa pola innovación e pola internacionalización das empresas.

Hoxe a actividade que nos leva máis recursos na confederación é a formación, pero o seu futuro é incerto. De feito os recursos públicos que se destinan a formación veñen baixando dende hai varios anos. Polo tanto haberá que buscar os recursos fóra, en competencia con outras empresas de formación ou noutros campos como realizar proxectos de tipo europeo, de internacionalización ou de innovación. E ese é o horizonte no que nos queremos posicionar.
¿Que proxectos pretenden impulsar en materia de innovación?
Outro dos compromisos que adquirimos era desenvolver na CEO unha oficina de atracción de inversións, que está a punto de ser operativa. A través dela calquera empresario que queira investir na provincia poderá dirixirse á CEO e, de forma gratuíta, recibir información das axudas existentes e do solo industrial libre para poder poder instalarse. Para nós esa oficina sería o comezo dese departamento de apoio á innovación e á implantación de novas empresas na provincia de Ourense.

Texto: Ángeles Rodríguez

A entrevista íntegra pode lerse na edición en papel de febreiro do Periódico O Sil

Artigos relacionados

Back to top button