OurenseSen categorizarÚltima hora

Seis detidos en Ourense acusados de narcotráfico a escala internacional

A Guardia Civil, no marco da operación “Galaeza”, detivo a 29 persoas, que operaban entre Madrid, Pontevedra e a capital das Burgas, e incautaron 16 kilogramos de heroína

A Guardia Civil, no marco da operación “Galaeza” levada a cabo en Ourense, Pontevedra e Madrid, detivo a 29 persoas de nacionalidade española, turca e albanesa. Segundo fontes do Instituto Armado, os detidos pertencían a unha organización criminal dedicada ao tráfico de heroína procedente dos Balcáns, Turquía e Holanda e que operaba a nivel internacional.

En Ourense realizouse un rexistro nunha vivenda e houbo tres detidos, dous españois e outro de nacionalidade iraquí, pertencentes á banda distribuidora. Por outro lado, tamén cidade das Burgas, detiveron a outros dous membros fóra da vivenda, de nacionalidade portuguesa e iraquí, que procedían de Madrid.

Ás detencións de Ourense súmanse ao total dos 29 detidos nos 18 rexistros realizados entre Pontevedra e Madrid. Entre eles hai un narcotraficante turco, prófugo da xustiza española, o cal foi condenado a 14 anos de prisión por un delito anterior. Asemade, tamén hai un cirurxián madrileño que ocultaba no seu chalé da capital estatal parte da droga introducida no país.

Neses rexistros interviñeron 16 kilogramos de heroína “de grande pureza”; substancias de corte; útiles para a adulteración, manipulación e posterior envasado do estupefaciente; unha prensa hidráulica e moldes.

Fontes da investigación sinalan que Ourense e Madrid era o punto onde se provía a heroína, a través de tres organizacións turco-albanesas, encargadas tamén de introducir en España a droga que viña dos Balcáns, Turquía e Holanda. Pero os indicios comezaron na cidade de Pontevedra, cando a Guardia Civil tivo coñecemento da existencia na capital do Lérez dunha organización que podería estar abastecendo de heroína a toda a comarca. Foi aquí onde os axentes da UCO (Dirección Adxunta Cooperativa), desmantelaron un laboratorio, “onde se adulteraba e envasaba a droga”, sinalan, e no que interviñeron 35.000 euros en efectivo, unha pistola con munición, 11 vehículos de alta gama, “dotados algúns deles de dobres fondos para o traslado de droga”, material electrónico de comunicacións e documentación relacionada coa súa actividade.

Igualmente, en Vigo, os axentes localizaron outro laboratorio onde os narcos galegos ocultaban, adulteraban e envasaban o estupefaciente para, posteriormente, distribuílo.

Dende a investigación sinalan que esta estrutura delictiva, nas súas xuntanzas, “adoptaba importantes medidas de seguridade” como contravixilancias nos seus movementos ou utilización de identidades falsas co fin de evitar, ou detectar, o seu posible control por parte dalgún axente.

Artigos relacionados

Back to top button