Con apenas 7 anos vía por vez primeiro imaxes en movemento proxectadas. Era na pantalla do cine de Regueiro de Celanova, preto do seu pobo natal, Ver (Ramirás). “O feitizo foi instantáneo. Aí coñecín o que sería un dos amores da miña vida, non en forma de muller, senón en forma de soños, de luces e sombras, de maxia, de historia, de personaxes e actores brillantes e xeniais. Nese momento dixen vou ser director de cine”. Así o recordaba o produtor José Sousa, Premio Ourensanía 2016, durante o acto de entrega deste galardón que concede anualmente a Deputación de Ourense e que se entrega o día de San Martiño, 11 de novembro.
Se ben o que lle chamaba a Sousa era a dirección, “as circunstancias leváronme a produtor, pero sempre dixen que isto era o que quería facer na miña vida, e levo 47 anos e non sei facer outra cousa”. Falando de cine, este ourensán que emigraba a Venezuela con 14 anos, agradecía o galardón, xusto antes da proxección dun documental no que relataba en primeira persoa a súa traxectoria vital e profesional, con momento de fonda emotividade como a lembranza da súa dona. Ademais confesaba que, xunto coa sétima arte, outra das súas paixóns é a música.
O acto de entrega do galardón, que tiña como escenario o Teatro Principal de Ourense, comezaba coa intervención do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, quen sinalaba que o Premio Ourensanía “recolle as esencias de San Martiño, que abrangue unha valentía e xenerosidade que perdurou durante 1.700 anos, e tamén do Magosto, unha tradición moi nosa, un rito ancestral que recolle a forza nutricia da terra propia, a castaña asociada ao lume vivificador e a ao outono como garante do calor do lar fronte ao rigor da invernía”. E matizaba que nesta sexta edición, o galardón recoñece a José Sousa “a súa fonda galeguidade, a súa capacidade integradora e multicultural, e o feito de que non esqueceu nunca dúas marcas de ourensanía: a súa terra nai e o seu interese pola arte”. Uns elementos, engadía, que integran “esa maneira de ser e de sentir Ourense, unha cultura a través da cal abrímonos ao mundo”.
Tamén tomaba a palabra na entrega do Premio Ourensanía o presidente da Xunta en funcións, Alberto Núñez Feijóo, quen resaltaba a longa carreira cinematográfica en Venezuela de José Sousa Gómez, “un ourensán que soubo que a imaxe era o seu camiño, despois de acudir por primeira vez ao cine Regueiro de Celanova”. “E nos Peares naceu tamén un home que a Ourensanía rescata dun certo esquecemento para gabalo e facerlle xustiza, Rodolfo Prada Chamochín”, engadiu, afirmando que por riba dos apuntes biográficos que lembran o seu papel como testamentario de Castelao e animador incansable das actividades galeguistas na capital arxentina, destaca a súa teima unificadora.
No decurso do acto de hoxe, conducido polo xornalista Juan Maceiras, o galardoado recibía unha figura de bronce, obra do escultor Xosé Cid, e unha copia da acta do xurado. No apartado musical actuaba a Real Banda de Gaitas, que fixo o tradicional percorrido co premiado e coas autoridades desde a Deputación ata o Teatro Principal, e xa na gala tocaban o dúo integrado por Maria Luz e Raquel Rivera, e a Coral de Ruada, que pechaba o acto interpretando “Ourense ao lonxe” e de “Ourense no solpor”, himno oficial da Provincia de Ourense.
Fotos: Carlos G. Hervella.