SanidadeÚltima hora

Sen consultas este luns no servizo de Traumatoloxía do Hospital de Valdeorras

Os pacientes afectados pola falta de especialista manifestaban o seu malestar e presentaban reclamacións por escrito no centro

Entrada principal do Hospital Público de Valdeorras./ Foto: A.R.

 

Malestar entre os pacientes que esta mañá acudían á consulta do servizo de Traumatoloxía do Hospital Público de Valdeorras, no Barco. Despois de agardar case unha hora, informabáselles de que neste luns non había traumatólogo polo que a súa consulta quedaba pendente. Así o explicaban algúns delesdespois de tramitar as correspondentes reclamacións no departamento de Atención ao Paciente do centro hospitalario.

“Levamos preto dun ano esperando pola consulta e non temos resposta a esta situación. Fomos á secretaría da dirección do distrito para manifestar a nosa protesta e dixéronnos que a directora non estaba, entón decidimos facer a reclamación por escrito para que quede constancia. Non sabemos cando nos chamarán”, explicaban.

Había pacientes que levaban esperando pola consulta dende xaneiro e dende marzo e algúns deles desprazábanse dende Larouco ou Manzaneda, entre outros puntos do distrito sanitario.

O que piden estes pacientes, algúns deles de avanzada idade, é que “esta situación non volva producirse e que nos dean unha solución o antes posible, porque levamos arrastrando problemas de saúde, que, se se deixan, poden ir a máis”.

Sobre esta situación, a Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco explica que, “por erro, non se avisou aos pacientes da anulación das consultas pola baixa laboral do profesional que estaba previsto as atendera este luns”. Ademais, dende o Hospital Público de Valdeorras “desexan trasladar as súas desculpas aos pacientes”.

Artigos relacionados

Back to top button