ConcellosO BarcoÚltima hora

Sentenza contra o Concello do Barco por incumprimento da normativa de prevención de riscos laborais no GES Valdeorras

O alcalde barquense di que non se vai recorrer a resolución xudicial, "xa se lle deu orde á empresa para que prepare eses puntos dos que fala o texto para cumprilos"

O GES Valdeorras nunha imaxe da arquivo./ Foto: Mónica G. Bellver.

 

A finais da semana pasada, o 16 de marzo, o Xulgado do Social número 1 de Ourense ditaba sentenza ante unha demanda presentada pola sección sindical da Confederación Nacional do Traballo (CNT) contra o Concello do Barco por incumprimento da normativa en prevención de riscos laborais no referido ao persoal do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) Valdeorras.

O xuíz na súa resolución estima “unha parte da demanda” formulada pola CNT e declara “o incumprimento da normativa en prevención de riscos laborais polo Concello, en especial, no referido ao cumprimento da obriga de elaborar procedementos de traballo, como parte da actividade preventiva, a falta de coordinación da actividade empresarial, a falta de nomeamento de recursos preventivos e finalmente a falta de información e formación preventiva que debería ter facilitado aos traballadores afectados polo conflito, vulnerándose con iso o dereito fundamental á vida, á integridade física e mental, recollido no artigo 15 da Constitución”.

Neste senso, o xuíz condena ao Concello do Barco a elaborar “de forma inmediata, os procedementos de traballo que a avaliación dos postos e actividades do GES establece”, a “designar os recursos preventivos necesarios coa formación adecuada para o desempeño das súas funcións”, a “elaborar e implantar un procedemento de coordinación de actividades empresariais adecuado á actividade dos traballadores afectados e que contemple todos os supostos en que pode existir concorrencia de intervintes diferentes nunha emerxencia”.

A sentenza tamén condena ao Concello a “informar por escrito á plantilla dos riscos do seu posto de traballo e das medidas de protección e prevención existentes” e a realizar un “plan de formación en materia de prevención de riscos laborais”.

Dende o Concello, o alcalde do Barco, Alfredo García, di que “a empresa que leva o tema de riscos laborais fixo o que considerou que tiña que facer, a sentenza di que hai que facer máis cousas e hoxe á mañá, cando nos chegou, xa lle deu orde á empresa para que prepare eses puntos dos que fala o texto. Non hai ningún problema, nós cumprimos sempre co que consideramos que hai que cumprir e algunhas veces podémonos quedar curtos, como neste caso, e cando se nos solicita, pois faise. É máis todo o que foron dicindo que se fixera, foise facendo, neste caso, preferiron ir ao Xulgado”.

Esta sentenza pode ser recorrible nun prazo de cinco días hábiles dende a recepción da notificación, pero o alcalde barquense di que non se vai recorrer. “Estes temas nós non os recorremos porque non ten ningún sentido, o que imos é a cumprir. E hoxe comunicóuselle xa a empresa e, para máis seguridade, imos que se poña en contacto co avogado para facer as cousas ben, que é o que pretendemos sempre”, conclúe Alfredo García.

Artigos relacionados

Back to top button