EntrevistasÚltima hora

Sergio Calvo Bembibre: “Soño con ganar unha gran volta”

Natural da Rúa, este ciclista Sub18 fichaba este ano polo Eolo Kometa, equipo da estrutura júnior da Fundación Contador, con moi bos resultados. Entre os máis destacados están a vitoria na 4ª Challenge Volta a Girona e a etapa na Bizkaio Itzulia, unha carreira a nivel internacional

O ciclista rues Sergio Calvo Bembibre./ Footo: Mónica G. Bellver.

 

A carreira deportiva do ciclista Sergio Calvo Bembibre (A Rúa, 2005) ten un futuro prometedor. Natural da Rúa Vella e xuvenil de segundo ano (o ano que vén pasa a Sub23), daba os seus primeiros pasos sendo un neno e en casa, Valdeorras. Empezou a destacar co Emico-Erbi Bembibre ata que fichaba polo Club Ciclista Rías Baixas no que estivo ata abril deste ano cando se incorporaba á estrutura ciclista júnior da Fundación Contador, como parte do Eolo Kometa Cycling Team, co que xa leva conseguido grandes metas como o Campionato Galego de Ruta, a Volta a Girona ou os subcampionatos de Chelle Campos e a Volta ao Barbanza, entre outros moitos.

¿Como chegas á Fundación Contador?

Empecei este ano no Rías Baixas pero cando viron o nivel que tiña nas competicións nacionais e que incluso ganei algunha internacional, contactaron comigo e co club para ver se me podían ceder e ao dicir que si, aquí estou. Nesta categoría xuvenil empeza a haber moitos olladores que foron os que se interesaron en min. Eu penseino un pouco porque tamén tiña outra ofertas pero decanteime polo Eolo porque ten unha gran estrutura e equipo, moito material e moita carreira e a verdade é que estou moi contento, penso que foi a mellor decisión que puden tomar. A ver como vai.

Ata agora ¿cal foi o teu mellor resultado?

Do que estás máis orgulloso. Eu diría que a etapa na Bizkaiko Itzulia no mes de xullo, unha carreira a nivel internacional. Estiven ata o último día no podio, no segundo posto, e ao final quedei sexto pero lévome a vitoria de etapa e unha gran experiencia. Foi sen dúbida a miña mellor vitoria, tanto por nivel como por eficiencia. En agosto no Díptico de Vigo ganei a cronoescalada e quedei segundo na de estrada. Puden levar tamén o Díptico así que non estivo mal. Uns resultados que demostran que estás en boa forma.

 

Sergio coa camiseta que o CD Rúa lle regalaba no mes de agosto./ Foto: Mónica G. Bellver.

 

¿Como é o teu plan de adestramento?

Agora estou facendo entre 18 e 20 horas á semana, con adestramentos planificados polo meu preparador persoal e segundo a época do ano fago uns quilómetros determinados e uns adestramentos específicos e bloques de carga. Adestro en casa porque penso que tanto a Rúa como todo Valdeorras é o mellor sitio, ten superficie suficiente e terreo perfecto para adestrar porque ten de todo, chairo, subida, baixada. Por iso encántame esta zona.

¿Quenes son as túas referencias no ciclismo?

A min encántame o esloveno, ciclista profesional do Jumbo, Primož Roglič, pola súa capacidade de superación e ser capaz de recuperarse dun mal día. Neste momento é o meu referente. E a nivel español, por suposto Contador.

¿Que obxectivos te marcas neste deporte? ¿A que aspiras como ciclista?

A verdade, aínda que soe un pouco louco, a ganar unha gran volta. Un Giro, unha Vuelta,… pero sobre todo un Tour de Francia. Imos pelexar por iso a ver se podo cumprir ese soño. Plantexóuseme unha boa oportunidade, a ver se podemos aproveitala ben.

A  entrevista íntegra pode lerse no número de setembro de O Sil Deportivo.

 

Artigos relacionados

Back to top button