ConcellosÚltima hora

Sober disporá en breve dun túnel hixiniezante inchable doado, que se instalará nas piscinas municipais

O sistema é o de hixienización de superficie por nebulización. O túnel vaise situar á saída dos vestiarios e vai ser obrigatorio pasar por el para acceder ás zonas de baño, descalzos ou en zapatillas, segundo indica o Concello

Imaxe cedida.

 

A primeiros da próxima semana o Concello de Sober disporá dun túnel hixienizante inchable doado por Bodegas Rectoral de Amandi co que poder facer fronte ao COVID-19. O goberno local destinará este túnel ás piscinas municipais.

“O obxectivo é axudar a manter a máxima hixienizacion dos usuarios e usuarias da piscina municipal unha vez poida entrar en funcionamento”, tal e como explica o alcalde, Luis Fernández Guitián, quen ademais agradece o xesto de Bodegas Rectoral de Amandi “do que poderán beneficiarse todos e todas os usuarios da piscina”.

O sistema é o de hixienización de superficie por nebulización. O túnel vaise situar á saída dos vestiarios e vai ser obrigatorio pasar por el para acceder ás zonas de baño, descalzos ou en zapatillas.

“O arco sanitario de desinfección funciona con peróxido de hidróxeno en proporción do un por cento. Contén varias boquillas de aspersores que, mediante o sistema de nebulización, permiten realizar a limpeza integral das persoas, ao mesmo tempo que permite tamén limpar os pés ao incorporar unha alfombra na que se deixan todos os restos do virus. O túnel hixienizante inchable conta cun sensor de movemento que detecta a entrada das persoas”, segundo se informa dende o Concello.

O arco sanitario pódese colocar en calquera lugar. A montaxe é rápida, sen necesidade de instalacións previas nin toma de auga. Ademais é lixeiro e fácil de transportar. E o produto está fabricado conforme ás directivas do Parlamento Europeo e do Consello de Europa que lle son de aplicación.

O Concello de Sober aposta por este novo dispositivo “encamiñado a que os veciños e veciñas poidan acudir ás piscinas municipais nunhas condicións de seguridade mantendo, na medida do posible, o COVID-19 afastado”.

Dispositivos tecnolóxicos de última xeración

Esta compra súmase á doutro material de tecnoloxía punteira xa adquirido polo Concello de Sober como termómetros para o control de temperatura con tecnoloxía infravermella con cámara termográfica, purificadores de aire ionizadores e antibacterianos con luz ultravioleta que xa funcionan nos edificios públicos, así como un xerador de ozono para a desinfección de vehículos e outros espazos públicos pechados e pediluvios desinfectantes para poñer na entrada dos edificios abertos ao público.

Artigos relacionados

Back to top button