
O Concello de Sober iniciará a vindeira semana unha serie de actividades que se enmarcan dentro do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e que están adicadas aos nenos que participan no campamento de verán “Coñece o teu Concello”, organizado polo goberno local.
Dende o Concello, denuncian o problema que supón a violencia de xénero para a sociedade e consideran necesario loitar contra ela dende todos os ángulos posibles. O alcalde, Luis Fernández Guitián, comentaba que “dende o Concello de Sober tratamos de responder á acusada necesidade de concienciar e sensibilizar respecto a dita problemática en todas as súas expresións, tanto visibles coma non visibles”. O rexedor tamén destacou o compromiso do Concello na tarefa de concienciar sobre esta lacra aos máis pequenos.

As actividades do Pacto de Estado están financiadas pola Secretaría de Estado de Igualdade e foron valoradas e propostas pola educadora social, Selene Arias Sáez. A continuación móstrase a axenda prevista:
Xoves 16 de xullo no campamento de verán do Concello: teatro con sombras: elefantes/as do presente.
Xoves 23 de xullo no campamento de verán do Concello: busca do tesouro: na procura da igualdade.
Xoves 30 de xullo no campamento de verán do Concello: dinámicas e xogos coeducación.
Xoves 30 de xullo na piscina municipal: xincana pola igualdade, aberta tamén aos nenos e nenas que estean nas instalacións e queiran participar.
Fotos: cedidas.