ConcellosSoberÚltima hora

Sober inviste 140.000 euros na mellora, ampliación e automatización da rede municipal de augas

Estanse a executar tres proxectos de xeito simultáneo, que suporán melloras en toda a rede municipal, intervencións en Telleiros e Anllo e a instalación de 20 contadores electrónicos para controlar fugas e enganches ilegais

 

O Concello de Sober acomete este verán obras por importe de 140.000 euros para a mellora, ampliación e automatización da rede municipal de augas. Os pasados días daban comezo as obras de tres proxectos. Dous deles realízanse ao abeiro de dúas axudas da Xunta de Galicia a través dunha achega de 100.000 euros; unha delas da Vicepresidencia Primeira e outra de Augas de Galicia.

A actuación vai consistir, por un lado, en melloras na rede municipal, na que se can cambiar dous tramos de tubaxe de fibrocemento (100 metros aproximadamente), substituiranse varias chaves de corte, vanse colocar redutores de presión e tamén se van mellorar varias arquetas.

No marco desta intervención está previsto ademais cambiar un tramo de 300 metros da rede no lugar de Telleiros.

 

 

Contadores electrónicos

Por outro lado, vanse colocar arredor de 20 contadores electrónicos de tramo en diversas zonas. O principal obxectivo desta intervención é detectar facilmente posibles fugas ou enganches ilegais á rede.

Son contadores de última xeración que miden o consumo de modo automático e pode detectarse ao instante unha fuga ou outra anomalía mediante avisos de alarma que recibe o persoal de mantemento no seu teléfono ou noutro dispositivo electrónico.

O terceiro dos proxectos é a ampliación da rede na parroquia de Anllo, unha actuación á que se van destinar 40.000 euros con cargo o Plan Único de 2023.

Artigos relacionados

Back to top button