EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Sober lanza a campaña “#Amandízate, este Nadal brinda cos viños da subzona de Amandi”

Este slogan, presentado hoxe polo Concello, busca incrementar a venda dos viños desta subzona da D.O. Ribeira Sacra durante as festas

Presentación da campaña do Concello de Sober./ Foto cedida.

 

“#Amandízate, este Nadal brinda cos viños da subzona de Amandi (D.O. Ribeira Sacra)”. É o slogan que vén de presentar este 14 de novembro o alcalde, Luis Fernández Guitián, na praza do Concello acompañado por varios membros do equipo de goberno cunhas letras de gran tamaño da cor da uva de Amandi. Con esta iniciativa preténdese incrementar a venda dos viños da subzona de Amandi durante as Festas. A campaña forma parte dos actos programados no marco do Mes do Amandi.

A programación deste mes adicado ao viño concluirá os días 5 e 6 de decembro da Feira-Mostra do Viño de Amandi 2020, que se celebrará no Hotel Pazo de Sober. “Ademais de promocionar o novo slogan a través dos medios de comunicación e das redes sociais”, o Concello distribuirá un listado con todas as bodegas de Sober que están a vender viño, “así como o seu contacto telefónico e a web a través dos cales poder pedir información e mercar os seus produtos”, tal e como adianta esta administración.

Encher as redes de Amandi

Desde o Concello de Sober convidan a compartir a través das redes sociais as fotos do brinde con Amandi usando o cancelo #Amandízate. Compartiranse todas as fotos que etiqueten ao Concello de Sober xunto con este lema, tanto a través do Facebook, como do Twitter e do Instagram.

“É a primeira campaña na que se usará o slogan #Amandízate, á que seguirán outras iniciativas baixo o mesmo lema en diferentes épocas do ano”, indican dende o Concello.

O rexedor de Sober explica que decidiron “reinventarse” e organizar o Mes do Amandi e a Feira-Mostra do Viño do Amandi 2020, tras suspender a XL Feira do Viño de Amandi por mor da pandemia, para contribuír a que o sector conte cun escaparate no que amosar os seus viños e a través do que seguir facendo vendas nun ano especialmente complicado.

Artigos relacionados

Back to top button