ConcellosSoberÚltima hora

Sober porá a disposición de refuxiados ucraínos todas as prazas das vivendas municipais e do albergue

O Concello pide a colaboración veciñal para elaborar un censo con vivendas de acollemento, tanto habitadas como desocupadas

Imaxe do albergue municipal de Sober./ Cedida.

 

O Concello de Sober pon a disposición dos refuxiados de Ucraína o albergue municipal con 14 prazas e está instalando mobiliario de cociña en catro vivendas municipais que tamén cederá a aquelas persoas que as poidan precisar. “A maiores, o Goberno local está a recoller datos para crear un censo de inmobles, tanto ocupados como desocupados, para poder axudar e amosar a solidariedade co pobo ucraíno”, tal e como se adianta dende esta administración local.

Dada a situación actual no panorama internacional e, seguindo as recomendacións da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) e a FEGAMP, dende o Concello de Sober queren así amosar a súa solidariedade, atención e afecto por Ucraína e polos seus veciños e veciñas.

“O Concello de Sober decidiu en canto se coñeceu a dramática situación de Ucraína activar unha rede de cooperación e acollida para que, chegado o momento, poida entrar en funcionamento. O paso previo a dita actuación é recadar información para coñecer a dispoñibilidade de espazos onde se poidan acoller cando cheguen ao noso país”, indica este Concello.

Aquelas persoas que desexen participar no acollemento deberán poñerse en contacto cos Servizos Sociais do Concello de Sober nas oficinas municipais ou por vía telefónica a través do seguinte número de teléfono: 982460513.

O acollemento pode darse por dúas vías:

• Vivendas desocupadas que desexen poñer a disposición das persoas refuxiadas.
• Vivendas habitadas que desexen compartir coas persoas refuxiadas.

Unha vez se teñan os datos faranse chegar ás autoridades correspondentes para poder canalizar a axuda.

Desde a FEGAMP facilitan ademais un número de información gratuíto sobre a acollida a cidadáns ucraínos +34 91 047 4444. Os Servizos Sociais do Concello de Sober están tamén a disposición dos veciños e veciñas para resolver as dúbidas que poidan xurdirlles en relación coa axuda que se pode prestar.

Artigos relacionados

Back to top button