ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

“Sober Vivo”, un paseo visual polos recursos deste municipio da man de Felipe Castro

A exposición deste fotógrafo vén de inaugurarse no Centro do Viño da Ribeira Sacra, onde estará aberta ata o 4 de xuño

A través da fotografía Felipe Castro descubre e achega a multitude de recursos do municipio lucense de Sober. Son 22 miradas diferentes, algunhas en cor e outras en branco e negro, que se pousan nos recursos agrarios e gandeiros, tamén nos forestais, patrimoniais e arqueolóxicos e que chegan ata os astronómicos. A exposición “Sober Vivo. Os recursos de Sober en imaxes. Terra, pedra, madeira, auga e viño” inaugurábase na tarde do 4 de maio no Centro do Viño da Ribeira Sacra en Monforte de Lemos.

É a segunda parada desta mostra que nacía e se abría ao público por vez primeira no marco das I Xornadas de Dinamización de Valorización do Rural, celebradas do 16 ao 18 de marzo en Sober, promovidas polas comunidades de montes da zona. “Tiña claro que na exposición quería reflectir recursos de todo tipo xa que as xornadas eran para falar de dinamización e desenvolvemento rural, e nel deben participar os recursos de todos os ámbitos posibles, o agrario, o forestal, o ambiental, o cultural… Fun seleccionando do material fotográfico co que xa contaba e aquelas outras cousas que non tiña e que me interesaban meter, funas preparando”, conta Felipe Castro.

Son retratos da paisaxe patrimonial de Sober a través do petróglifo da Paxota, do Santuario de Cadeiras, a igrexa de Proendos, a de Lobios, a Rectoral de Gundivós ou os muíños do Xabrega, pero tamén da paisaxe natural co ceo nocturno dende o Miradoiro do Boqueiriño, o fascinante Canón do Sil, o Souto de Vilar de Mouros, a Pena do Indio ou o Monte Camiño, entre outros.

Hai imaxes diurnas e nocturnas, con diversas técnicas e tamaños. “Intentei a propósito mesturar todas as técnicas na medida do posible, unhas con maior fortuna e outras con menos. A de astrofotografía, por exemplo, era a primeira vez que a fixen, eu quería facer algo dese tipo”, conta.

E por algunhas fotografías sente especial apego. É o caso da do petróglifo da Paxota en Bolmente. “Foi a que máis me custou. Primeiro montamos unha especie de andamio para podela facer cenitalmente, pero resultábame moi baixo e ao final acabamos levando unha carretilla elevadora, subíronme a 5 m de altura e dende alí fotografeino. Está iluminado con máis de seis focos. Téñolle tamén moito cariño á do souto, á do Santuario de Cadeiras por suposto, e a do bodegón da Rectoral de Gundivós”, explica Castro.

Non se considera un fotógrafo profesional, “senón unha persoa á que lle gusta facer fotos do contorno e do que o rural nos achega visualmente”. A súa intención é continuar movento esta mostra, que poderá visitarse en Monforte ata o vindeiro 4 de xuño. Despois recalará na Coruña, no local que ten a Asociación de Amigos dos Museos de Galicia, e “se se presenta algunha outra oportunidade, e podemos, levarémola a algún outro sitio”.

Para Felipe Castro a mostra máis moito máis alá da mera cuestión fotográfica e creativa, é unha chamada a coñecer e poñer en valor esa riqueza dun concello do rural. “Preocúpame bastante máis o que hai detrás das fotos que o que son as fotos en si. O importante son os recursos e que se traballe por conservalos, por melloralos, por potencialos, por aproveitalos tamén, refírome a todos os niveis, social, pero tamén economicamente, ambientalmente, culturalmente… en todos os sentidos”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button