ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

Solidariedade Galega co Pobo Saharaui pide colaboración aos Concellos do oriente ourensán

O vindeiro ano virán a Galicia 200 cativos novos polo que necesitan outras tantas familias de acollida

Vacacións en Paz é un proxecto de acollida temporal de nenos e nenas saharauis durante os meses de xullo e agosto, que en Galicia desenvolve a Solidariedade Galega co Pobo Saharaui (SOGAPS), unha iniciativa na que vén participando desde o ano 1991, ofrecendo ás familias saharauis a posibilidade de que os seus fillos disfruten dunha estancia agradable, humana e culturalmente rica, baixo a supervisión e os coidados das familias acolledoras galegas.

Este programa lévase a cabo grazas á colaboración económica da Xunta de Galicia e o apoio dos concellos. Por iso dende a Asociación Solidaridade Galega co Pobo Saharaui achegábanse ata o Barco de Valdeorras. Na mañá do 11 de novembro os representantes da Asociación reuníanse con algúns alcaldes do oriente ourensán para solicitar a colaboración dos Concellos ante a previsión da chegada de moitos nenos novos a Galicia este ano. “En total veñen 325, pero 125 son repetidores e 200 que saen por primeira vez dos campamentos, o que significa que necesitamos 200 familias novas”, explica a presidenta da asociación, Maite Isla.

Xunto á presidenta o colectivo, na reunión estiveron presentes o tesoureiro, Emilio Portela; a responsable de Recursos Humanos, Clara Freitas; o delegado saharaui en Galicia, Habibulah Mohamed; e o responsable de actividades, Kudus Salek Omar, quenes explicaron a situación, tanto aos alcaldes como aos técnicos municipais “para que nos boten unha man na difusión”, aproveitando a ocasión para presentar un dos proxectos prioritarios nos que están traballando como é a compra de tres camións de lixo.

Outro punto tratado na reunión é a colaboración do voluntariado. “Esa zona quédanos un pouco a desmán polo que tardamos moito en ir e necesitamos algún voluntario para formar parte de SOGAPS, que sería un pouco a comunicación directa entre a asociación e os concellos das comarcas do oriente ourensán”, explica Maite, asegurando contar co apoio total de todos os alcaldes presentes (o do Barco, o de Vilamartín, o de Trives, a da Rúa e unha técnica de Viana). “Deixamos alí os proxectos esperando que comece unha nova etapa de máis diálogo, o que repercutirá nunha maior colaboración por parte celes”, dixo a presidenta. Co resto de alcaldes tentarán comunicarse noutro momento para facerlles chegar as propostas.

Por último dende SOGAPS puxeron enriba da mesa a proposta de facer unha viaxe institucional aos campamentos saharauis que están en terreo arxelino, en Tindouf. “Nós acabamos de vir dalí é o mellor é un voo chárter que saia de Santiago”.

Fotos: Mónica G. Bellver

Artigos relacionados

Back to top button