En portadaSanidadeÚltima hora

“Somos moitos os que saímos, non hai que quedarse só coa parte negativa do COVID-19”

Tras 48 días ingresada, Laura Martínez recibía a alta e era recibida no Barco cunha sorpresa das súas amigas

 

Este martes 6 de maio era un día longamente ansiado e moi especial para a familia, o mozo e as amigas de Laura Martínez. Despois de 48 días ingresada por COVID-19 (4 no Hospital de Valdeorras, 21 na UCI e 23 en planta no Hospital Universitario de Ourense), recibía a alta e voltaba a casa, tras confirmarse o seu negativo en carga vírica.

Malia que reside no Barco, Laura, é natural de Matarrosa (León), e nesta tarde regresaba á casa dos seus pais para completar a súa recuperación. Pero durante a viaxe dende Ourense facía unha paradiña na vila barquense, onde recibía unha sorpresa moi especial por parte dun grupo de dez amigas (Ana, Bea, Vanessa, Chus, Sonia, Rut, Tamara, Pitu, Mónica e Isa).

Non podían estar todas presentes por motivos laborais, pero algunhas delas, xunto ao seu mozo Jairo e a nai del, agardábana e nada máis baixarse da ambulancia dábanlle un emotivo abrazo, mentres soaba a música de “Resistiré”. Neste recibimento tamén participaban Protección Civil do Barco e o GES Valdeorras.

 

 

As súas amigas entregábanlle unha tarxeta e unha fermosa caixa chea de flores. “Máis que amigas, son familia, son a familia que se escolle e podo dicir que elas dende o principio estaban informadas da situación e eu sei que estiveron moi preocupadas. O da tarxeta si o esperaba, pero o detalle das flores non, resultou moi bonito. Realmente foron uns días moi duros e isto era para celebrar”, conta emocionada Laura Martínez. Ademais recibía un ramo de flores de mans do seu noivo e outro da súa futura sogra.

Esta moza de 33 anos, que traballa como teleoperadora na veciña provincia de León, era unha das primeiras persoas en contraer o coronavirus no Barco. Non sabe como se contaxiou xa que, antes de que se decretara o estado de alarma xa estaba teletraballando. Nun principio pensou que tiña un catarro de entretempo, pero a cousa non mellorabase, nón que ía a peor, e a súa nai e a súa amiga Chus convencérona para que acudise a Urxencias. “O sábado do confinamento eu xa ingresei no hospital do Barco”, lembra.

Despois de catro días, era trasladada ao Hospital de Ourense e, ao día seguinte, de chegar vivía un dos momentos máis difíciles da enfermidade. “A miña médica en Ourense díxolles á auxiliar e á celadora que estaban comigo na habitación que unha maneira de intentar abrir os pulmóns era poñerme boca abaixo nunha determinada posición, e intentámolo, pero é que nin nesa posición aguantaba para respirar, só estaba ben bocarriba e moi inclinada cara adiante. Esa era a única maneira na que eu, medianamente, respiraba con osíxeno aberto ao máximo, claro, ante o empeoramento tiven que ir á UCI”, relata esta moza que non tiña patoloxías previas.

 

 

Tras 21 días complexos e seguidos con angustia pola súa familia e amigas, Laura saía da UCI e volvía a planta. “Subín como unha marioneta, a min movíanme, aseábanme, non me levantaba… O refrán di que o que non te mata faite máis forte, e é certo, ensínache a vivir a vida doutra maneira, a valorar un vídeo, un whatsapp, unhas fotos, un cartel… Á miña saída do hospital de Ourense as enfermeiras tíñanme preparado un cartel asinado por todo o persoal, realmente dan calor humano. Só lles ves os ollos e dan calor humano. Imaxino que, nunha situación normal poidan nun determinado momento darlle un abrazo a un paciente se o necesita, en Ourense hai un persoal marabilloso e no Barco igual”, destaca.

Despois de cinco días en planta, comezaba a mellorar dunha maneira rápida e que a ela mesma e aos médicos lles sorprendía. “Custoume cinco días arrancar, pero arranquei ben. Chorei ao verme de pé, aínda que tiña axuda, logo comecei a ducharme soa, é algo tan cotiá que non o valoramos, que o facemos por rutina”, asegura.

E, nese proceso de recuperación, resalta foi clave o apoio da súa familia e amigas, que malia estar lonxe seguíana acompañando. “Teño vídeos que vou gardar para sempre da familia, das amigas, das mulleres do pobo, con mensaxes, fotos, debuxos, carteis… Mandándome ánimos para saír adiante e esas cousas para min teñen un valor sentimental e emocional enorme, son o que eu chamo “chutes de adrenalina”. Cada vídeo, cada mensaxe, cada whastapp dicíndome que podía, que xa queda pouco… Eran pequenas doses de adrenalina que te incitan a seguir, a saír, hoxe medio paso, e mañá outro paso… E cada logro era pouco menos que unha festa polo móbil, ese día era sesión de videochamadas emocionándonos todos, como hoxe”, explica.

 

O grupo de dez amigas de Laura no Barco.

 

Pese a recibir a alta, Laura ten aínda por diante un proceso de recuperación dun mes. Durante 12 días debe manter, por protocolo, o illamento domiciliario, ademais de seguir unha medicación e uns exercicios de rehabilitación, pero síntese moi contenta. “Por sorte viñen para casa case autónoma, teño que seguir facendo rehabilitación porque ma pautaron para terminar de recuperar con exercicios específicos e con fisioterapia. Os pacientes xoves e sen danos neurolóxicos podemos recuperar o 100%, a capacidade pulmonar e todo, pero leva un tempo. Pérdese en 21 días, pero leva máis recuperalo, porque é moito tempo que estamos quietos”, sinala.

Despois desta experiencia, manda unha dobre mensaxe á xente. Primeiro incide en que “non hai que quedarse só coa parte negativa, que por desgraza si que está habendo bastantes falecidos, pero tamén somos moitos os que saimos, incluso xente maior, como a señora de 106 anos da residencia do Barco, que é un gran exemplo a seguir. Outro exemplo é dun señor duns 90 anos da habitación que estaba ao lado da miña, que tamén sobreviviu ao Covid”.

E ademais fai unha recomendación rotunda, “como un pequeno tirón de orellas. Se nos piden que saiamos á rúa con mascarillas e que gardemos distancias de seguridade, debemos facelo. Temos que facer as cousas ben porque pódenos tocar a calquera”.

Laura pensa xa en poder volver pronto ao Barco. “Está claro que en canto poida regresar recibirei un aluvión de bicos e de abrazos e imos celebrar todo o que non se puido celebrar”. Ademais ten en mente unha data clave: o 26 de setembro. “Tiña claro antes de que aparecera o Covid na miña vida que esa era a data da miña voda e, agora que non está, sigo con esa data, a non ser que o goberno non permita as vodas nese momento”. Antes terá que completar a súa recuperación, pero, di con emoción que “o máis difícil xa está superado”.

Fotos cedidas.

 

Artigos relacionados

Back to top button