Cun apoio masivo do 99%, Ana Pontón vén de renovar o liderato á fronte do BNG na XVII Asemblea Nacional que esta formación política celebraba ao longo da xornada do 7 de novembro no Coliseum da Coruña. Encabeza un executiva nacional á que se incorporan Lucía López, Breixo Lousada, Lois Pérez Castrillo e Manuel Lourenzo e que pretende abrir unha nova etapa na formación.
Coa lectura das propostas de resolución da sembela e cos agredecementos ás diferentes entidades presentes na asemblea, dábase paso ao discurso de clausura por parte da recén reelixida portavoz nacional, Ana Pontón, que se dirixía á militancia “con humildade e agradecemento pola confianza que renovades en min e nunha equipa que ten o reto de dirixir o BNG nun novo ciclo cun obxectivo trascedental: liderar a Xunta de Galiza en 2024. A nosa vocación é gobernar este país para darlle un futuro de esperanza á xente. E eu dígovos que non vos poñades límites, imos facer historia, teño plena confianza no BNG, sei que imos estar á altura e traballar todos a unha para facer avanzar o nacionalismo”.
Nunha intervención, intercalada por numerosos aplausos, Pontón aseguraba que “somos unha organización con pasado, pero sobre todo somos unha organización que ten mirar para o futuro e para iso hai que seguir ensanchando o BNG. As nosas portas están abertas a todas as persoas que levan Galiza na cabeza e no corazón, ás que comparten con nós que o cambio ou será galego non será. Esta é unha das claves para ganar porque se non agrandamos á nosa base social todos os avances serán fráxiles”.
Neste sentido, destacaba que hai un gran sentimento de país, “e temos que traballar con persuasión e xenerosidade para traducir ese sentimento en termos políticos e electorais”. E, para logralo, apelaba á mocidade “que mira ao BNG como a única forza capaz de darlle un futuro neste país”, unha mocidade “estafada por un sistema que non lle dá oportunidades”. E indicaba que o BNG “somos a alternativa para darlles un futuro mellor neste país”.
E aludía ao PP asegurando que “están nerviosos porque nas pasadas eleccións moveuse o taboleiro en Galiza, empezou o cambio galego da man do BNG e non van poder paralo”. Resaltaba que “cada vez estamos máis cerca de facer historia conseguindo un goberno que só se deba aos galegos, porque xa está ben de tanta sumisión a Madrid, aos lobbies económicos e que os de sempre gobernen na sombra sen presentarse ás eleccións. Imos facer historia e deixar atrás todo isto”.
Pontón incidía en que “somos o BNG do si, do si a darlle un futuro á mocidade; a facer de Galiza un referente na innovación e na ciencia; a poñer a riqueza ao servizo das familias e das empresas, o do si a unha industria sustentable, a unha tarifa eléctrica galega, á sanidade e aos servizos públicos, o BNG do si ao dereito a unha vellez digna, a un modelo forestal sen monocultivo do eucalipto, si a unha saída xusta a esta crise; do si a decidir desde nós para construír un futuro mellor. Un si a confiar en Galiza e nas nosas potencialidades”.
Para a líder nacionalista, “a Galiza en pequeno que nos deixa o PP é a mostra da súa incapacidade política, pola contra dende o BNG pensamos unha Galiza en grande e saimos desta asemblea coas pilas cargadas e coa vocación de gañar para poñer en marcha esa Galiza grande, construíndo un proxecto gañador que chegue ás maiorías sociais”. Pontón insistía en dirixirse á sociedade que “ve como os gobernos municipais funcionan e marcan a diferenza; que ve o traballo en Europa, da man de Ana Miranda; ou de Nestor Rego no Congreso, sempre en defensa do país”.
Pontón concluía o seu discurso facendo un recoñecemento expreso ás mulleres que “demostramos que queremos cambiar o mundo para avanzar en igualdade real con decisión, poñendo o turbo porque estamos cansas de esperar”. E por iso, o Bloque asume “como prioritario unha axenda feminista que permita avanzar cara unha Galiza de mulleres libres e iguais”. E neste recoñecemento, facía tamén “un recoñecemento explícito ás mulleres do BNG”.
Pontón concluía esta asemblea, na que tamén se aprobou o informe e o relatorio político cun apoio case unánime da militancia, indicando que somos “un BNG amplo, diverso, cohesionado e sobre todo unido por un obxectivo común que é Galiza. Nesta asemblea márcase un novo ciclo co reto de liderar o goberno para construír a Galiza en grande que pensa o BNG”.
Primeira reunión da nova Executiva Nacional, neste luns
Apenas unha horas despois de recibir o apoio da militancia, a nova Executiva Nacional mantiña a súa primeira reunión seguida dunha foto de familia e comparecencia da reelixida portavoz nacional. Tras a reunión, afondaba nos argumentos que esgrimiu ante o plenario da XVII Asemblea Nacional, marcando como reto a presidencia da Xunta “ensanchando a base social do nacionalismo para disputarlle a hexemonía ao PP, cun proxecto ganador capaz de chegar á maioría social”.
“Grazas á militancia polo seu apoio, polo seu calor e entusiasmo e grazas pola confianza depositada. Sei que imos dar o mellor de nós mesmos, de nós mesmas para estar á altura, deixarnos a pel para ir a por todas e facer historia”, recalcaba Ana Pontón, convencida de que é posible lograr a presidencia porque cada vez son máis ás persoas que ven no BNG o seu referente de futuro.
Fotos: O SIL.