CulturaMúsicaÚltima hora

“Sonamos Galicia” en Ourense, Celanova e O Carballiño

O festival, que se celebra do 4 ao 7 de setembro, funde as raíces musicais galegas e latinoamericanas
Presentación do festival na Deputación de Ourense.
Presentación do festival na Deputación de Ourense.

Fundir a música de raíz galega e latinoamericana, promover o intercambio de artistas e fomentar a cultura e o turismo termal da provincia de Ourense en Latinoamérica. Eses é o obxectivo do Festival “Sonamos Galicia”, un evento musical organizado por Queixumes dos Pinos que terá lugar os días 4, 5 e 7 de setembro en Ourense, Celanova e O Carballiño.

“Sonamos Galicia” é un proxecto integrado no Festival Internacional “Sonamos Latinoamérica”, e nesta edición –a primeira que se realiza en Europa e que terá como escenario a provincia de Ourense- participarán os grupos e solistas Ensamble Canobo (Colombia), Gadaffi & Anna (Perú), El fuego de la semilla (Arxentina), El Saman ensamble (Venezuela), Emilio Rúa (Ourense), e Martín Blanes & Pablo (Galicia).

O certame desenvolverase no Parque Angelita Paradela de Ourense (día 4 de setembro), no Auditorio de Celanova (día 5), e clausurarase no Auditorio do Carballiño (día 7). Tódalas actuacións comezarán ás 20h.

A finalidade do festival “é achegarnos ás raíces da nosa cultura, que, da man da emigración galega a Latinoamérica, foi tamén unha cultura de ida e volta, a cal agora se enriquece tamén coa presenza de colectivos latinoamericanos en Galicia”, explicou José Antonio Viñas, director do festival e do grupo folclórico Queixumes dos Pinos, na presentación do evento que tiña lugar na mañá do 3 de setembro na Deputación de Ourense.

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button