
O Castelo de Castro Caldelas convertíase no mediodía do 11 de outubro en escenario da presentación do libro “Quintela de Mazaira” de Olegario Sotelo Blanco. O acto contaba coa asistencia da alcaldesa de Castro Caldelas, Sara Inés Vega, e do presidente da Deputación, Manuel Baltar, entre outras autoridades.
Despois da presentación tiña lugar a sinatura dun convenio de traslado do Museo Antropolóxico da Ribeira Sacra a Castro Caldelas. Será un espazo expositivo que terá como obxectivo “potenciar o valor cultural e etnográfico dunhas das comarcas galegas máis importantes desde o punto de vista histórico e monumental”, en palabras do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar. O Museo Antropolóxico da Ribeira Sacra ubicarase no edificio que albergou o Centro de Desenvolvemento Comarcal de Castro Caldelas
Pola súa banda, a alcaldesa Sara Inés Vega expresaba o orgullo que suporá para Castro Caldelas contar con este novo espazo expositivo “para a cultura, a historia e as tradicións da nosa comarca, que será un punto de encontro para atraer investigadores e turistas”.
