“O sector do transporte por estrada aposta pola dixitalización para fortalecer a súa competitividade”. Así llo trasladou Beatriz García, directora executiva de Spedion en España ao director xeral de Mobilidade da Consellería de Infraestruturas da Xunta de Galicia, Ignacio Maestro, nunha reunión telemática na que a responsable da empresa de matriz alemá puxo en valor o modelo de negocio da compañía.
Spedion é unha empresa especializada no desenvolvemento de sistemas telemáticos de referencia en frotas de camións ou de vehículos mixtos de toda Europa. Na actualidade, ao redor de 500 clientes confían na súa xestión, que se achega a 29.0000 vehículos equipados e supera os 330.000 roteiros mensuais.
“En España é unha empresa en sólido proceso de expansión e, en pouco máis de tres anos, máis de 100 empresas depositaron a súa confianza nas características prácticas e personalizables desta aplicación”, sinalan dende Spedion, indicando ademais que dende a súa creación esta firma apostou “por traballar para conseguir unha xestión fiable da información como requisito esencial para o correcto manexo dos procesos dentro das cadeas de subministracións”.
Por iso, tal e como explicou Beatriz García ao director xeral de Mobilidade da Xunta de Galicia, “un dos nosos maiores éxitos foi o desenvolvemento dun dispositivo propio que foi evolucionando e adaptándose aos avances tecnolóxicos. Neste sentido, o obxectivo final é aumentar o grao de automatización do vehículo co fin de mellorar a produtividade, a fiabilidade e a flexibilidade do transporte”, dicía García.