
Aínda que se anunciara con moita expectación por parte do Concello como unha das novidades na programación deportiva deste ano finalmente non se celebrará a proba de enduro no Barco de Valdeorras.
Tras ter que aprazalo no mes de maio, debido naquela ocasión ás condicións meteorolóxicas adversas que impedían garantir a seguridade para os pilotos, anunciárase a nova data, 28 e 29 de setembro, pero tampouco se vai celebrar, nesta ocasión pola falta de inscritos.

Antes de que comezaran os traballos de roza e limpeza das áreas onde se ía desenvolver, na zona do Polígono da Raña, a organización víase na obriga de suspender a proba. “Lamentamos ter que comunicar que neste caso non acadamos o mínimo esixido para manter o nivel de seriedade que ten a liga, non podemos celebrar a proba se iso non se corresponde co compromiso que os concellos adquiren coa liga”, aseguran, recoñecendo que “a nosa responsabilidade é compensar á poboación que nos acolle cun retorno que mereza a pena o esforzo.
Aínda así, dan as graza a “todos os colaboradores, á administración local e a todos os que estades rexistrados, pois todos fixestes o posible por que a proba saíse adiante. A estes últimos, a nosa compensación polo esforzo é unha prima de saída polo 25% da inscrición, aplicable na próxima proba da liga”.



