CulturaCulturaÚltima hora

“Sutura”, de Sandra Varela, gañador do Certame de Artes Plásticas da Deputación

O segundo premio foi para a obra “Sonidos ahogados”, de David Rodríguez Casas, e o terceiro recaeu en Julia Huete Iglesias pola obra “Blanco”
Reunión do xurado do XIV Certame de Artes Plásticas da Deputación de Ourense.

A artista ourensá Sandra Varela Rodríguez foi a gañadora do primeiro premio, dotado con 3.000 euros, da XIV edición do Certame de Artes Plásticas, que convoca a Deputación para artistas con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos, pola súa obra “Sutura”.

Este certame que convoca a Deputación de Ourense co obxectivo de promover e apoiar aos novos valores nos distintos eidos das artes plásticas está destinado a premiar e difundir os traballos dos creadores máis novos. O xurado do certame destacou o “elevado nivel de calidade dos traballos presentados”.

O segundo premio, dotado con 2.000 euros, foi para a obra “Sonidos ahogados”, traballo de David Rodríguez Casas, mentres que o terceiro premio, dotado con 1.000 euros, recaeu en Julia Huete Iglesias pola obra “Blanco”; “El pájaro”.

Asemade, este certame, conta con dous accésits de 500 euros cada un deles, que foron para Arán Iglesias Ríos coa súa obra “Teatro Internacional de los derechos humanos” e para Rebeca López Villar polo traballo “S/T(definición de bruja)”.

En total presentáronse a esta XIV edición máis de cen traballos procedentes de tódalas provincias galegas e de diferentes puntos da xeografía española como Alacante, Asturias, Barcelona, Cáceres, Cidade Real, Xirona, Xaén, León, Madrid, Sevilla, Salamanca, Valladolid, Zamora e As Palmas de Gran Canaria.

O xurado estivo integrado polo profesor da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, Xosé Manuel Buxán Bran; pola crítica de arte e comisaria de exposicións, Paula Cabaleiro Comesaña; polo artista visual, Ángel Cerviño López; polo director do Centro Galego de Arte Contemporáneo en Santiago de Compostela, Santiago B. Olmo García; e pola crítica de arte e comisaria de exposicións, Mercedes Rozas Caeiro. O secretario do xurado foi o director do Centro Cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación, Francisco González.

De acordo ás bases do Certame, as obras que recibiron algún dos premios con dotación económica quedarán en propiedade da Deputación de Ourense, que organizará no mes de setembro, unha exposición cunha selección dos traballos presentados, así como o seu correspondente catálogo. Pola súa parte, os titulares das obras non premiadas deberán retirar estas unha vez rematada a exposición, cun prazo máximo dun mes.

Artigos relacionados

Back to top button