EducaciónSanidadeÚltima hora

Talleres de educación Montessori, o 20 de outubro no Barco

Están organizados polo grupo de apoio á lactancia e crianza con apego “De Nai a Nai” e serán impartidos pola pedagoga e guía Montessori Mercedes Urbiola

 

Imaxe dun taller impartido anteriormente por De Nai a Nai sobre a metodoloxía Montessori no Barco./ Foto: A.R.

 

Aprender a aplicar na casa a filosofía Montessori. É o obxectivo dos talleres formativos que organizará o vindeiro 20 de outubro o grupo de apoio á lactancia e crianza con apego “De Nai a Nai” no Barco. “Neste taller descubriremos a etapa de desenvolvemento dos nenos/as de 0 a 3 anos, cales son as súas características, as súas necesidades e conforme a iso aprenderemos ferramentas prácticas para facer un ambiente preparado que desenvolva todo o seu potencial”, adianta Mercedes Urbiola, pedagoga e guía Montessori, que impartirá esta formación.

Esta actividade desenvolverase no local social de De Nai a Nai (4º andar do edificio da Biblioteca do Barco). O programa comezará co taller de 0-3 anos “Montessori na casa I” e continuará co taller de +3 anos “Educación cósmica” ás 15h. “Cada un deles é de 4 horas de duración e quedan moi poucas prazas libres. Para anotarse as persoas interesadas poden chamar ao 629 47 18 30”, sinala a presidenta de De Nai a Nai, Lorena Prada.

Este taller está dirixido a pais, nais, educadores ou a calquera persoa interesada en descubrir outra forma de educar. “Para crear un ambiente Montessori é necesario aplicar os principios fundamentais: orde, estética, interese e obxectivo. É recomendable que os pais preparen o ambiente, tendo en conta as verdadeiras necesidades do neno e permitíndolle ser autónomo, participar na cociña, limpeza, responsabilizarse das súas propias cousas, realizar as actividades ao seu propio ritmo”, explican dende De Nai a Nai.

Tamén se destaca que a “educación cósmica” é a base sobre a que se constrúe “a aprendizaxe nun ambiente Montessori de primaria. O neno ten o interese e a capacidade de ampliar o seu campo de coñecemento moito máis alá do que lle rodea, daquelo que pode ver e tocar. A súa mente é capaz de comprender conceptos abstractos e non hai límites para o que a súa imaxinación poida alcanzar”.

Artigos relacionados

Back to top button