
A través de bonecos coidadosa e orixinalmente creados en madeira e con pezas do mundo da cociña, a compañía Tanxarina conta a historia dunha galiña moi singular. É azul, con cinco plumas vermellas na á esquerda e que non se comporta como as demais. Por exemplo, pon ovos de cores. Algo totalmente inusual é que preocupa ás autoridades do lugar onde habita.
“A galiña azul”, con texto orixinal do escritor ourensán Carlos Casares e coa dirección de Cándido Pazó, é un espectáculo que chegará ao Barco o vindeiro 9 de novembro ás 20h. Cobrará vida sobre o escenario do Teatro Lauro Olmo da man dun elenco formado por Eduardo Cunha “Tatán”, Miguel Borines e Andrés Giráldez.
É unha proposta duns 50 minutos de duración para público infantil e familiar na que os bonecos conviven cun único personaxe de carne e oso, o alcalde. Nesta montaxe combínase o manexo dos bonecos e o traballo dos actores, con música (de Paco Martínez Barreiro) e diversas cancións.