A RúaConcellosÚltima hora

Tarefas de desinfección no depósito de auga afectado na Rúa, que se volverá encher esta fin de semana

O luns a primeira hora da mañá está previsto realizar as analíticas de comprobación correspondentes, "que garantan que todo foi como agardamos", din dende o Concello

Vista da Rúa./ Foto: Mónica G. Bellver.

 

Tras detectarse a presenza de contaminación microbiolóxica na rede, logo dun brote de gastroenterite na Rúa onte, o persoal técnico do Concello da Rúa xa procedeu ao baleirado do depósito afectado e estase realizando a súa limpeza e desinfección, tal e como se informa dende esta administración local.

“Ao longo da fin de semana volveremos a encher ese depósito xa saneado e o luns a primeira hora da mañá está previsto realizar as analíticas de comprobación correspondentes que garantan que todo foi como agardamos. No mesmo momento en que o resultado desas analíticas sexa satisfactorio eliminaremos as restricións o consumo de auga”, aseguran dende o Concello da Rúa.

Entre tanto, o goberno local rues lémbralle á cidadanía que “está restrinxido o uso de auga da traída para consumo, limpeza de alimentos e hixiene buco-dental en todo o núcleo urbano salvo na zona de abastecemento de San Estevo (A ZA San Estevo inclúe Somoza, Rúa Vella, Campo Grande entre San Roque e Hotel Espada e Residencia de Maiores de Fátima)”.

Tamén lle recorda á veciñanza que “as distintas fontes da Rúa (Somoza, Rúa Vella e Fontei) traen (como sempre) auga considerada non apta para consumo (isto é: sen ningún tipo de tratamento potabilizador). Desde o Concello somos moi conscientes das importantes molestias que esta situación pode causar na cidadanía e lembramos que se trata dunha medida preventiva que busca garantir que a auga que chega aos domicilios cumpra con todas as garantías sanitarias”, indican.

Artigos relacionados

Back to top button