CulturaCulturaÚltima hora

O teatro de reflexión e indagación de “Nacidas Libres” chega ao Barco

Este espectáculo de Contraproducións poderá verse o 9 de marzo ás 21h. no Teatro Lauro Olmo

Unha noticia aparecida na prensa sobre o rescate de tres monxas indias retidas contra a súa vontade nun convento de clausura en Santiago inspira a catro actrices que, fartas de non recibir ofertas de traballo, deciden montar a súa propia peza. Encárganlle escribir a obra a unha xove escritora que vive emigrada.

Así arranca a trama de “Nacidas Libres”, un espectáculo de Contraproducións, escrito por Cándido Pazó e dirixido por Cristina Domínguez que poderá verse o vindeiro venres 9 de marzo ás 21h. no Teatro Lauro Olmo do Barco. Estará interpretada por catro actrices: Rocío González, Casilda Alfaro, Mónica Camaño e Susana Dans.

 

A través desa idea inicial rescatada dun xornal, irase argallando “un espectáculo en múltiples planos no que, con rigor e obxectividade, pero con frescura, dinamismo, emoción e pinceladas de humor, entran no entramado argumental do caso, pero tamén en múltiples reflexións e referencias a diversos temas vistos desde a perspectiva de xénero: a desigualdade, a ilusión da liberdade, os condicionantes da muller nas distintas culturas, a emigración…”, tal e como sinala a propia compañía.

As catro actrices darán vida a unha ducia de personaxes sobre o escenario, recreando os máis variados espazos e situacións. Esta obra forma parte do conxunto de actos programados no Barco con motivo da conmemoración do Día Internacional da Muller.

Artigos relacionados

Back to top button